O incremento da demanda de aloxamento nos dous primeiros meses de ano en Galicia deu como resultado un total de 296.000 pernoctas, un 3,2% máis respecto ao mesmo periodo do 2014. O incremento produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas, pero mentras que no segmento hoteleiro o crecemento situouse no 1,6% no extrahoteleiro, que agrupa aos apartamentos turísticos, campings e establecementos rurais, a suba ascendeu ao 28,9%. Son datos recollidos polo Instituto Nacional de Estadística (INE), que rexistrou un aumento do volume total de viaxeiros a Galicia dun 6%, ata situarse nos 163.775.
En canto aos segmentos de mercado, tanto o mercado nacional como o internacional mantiveron unha tendencia positiva no mes de febreiro. O mercado nacional incrementouse nun 4,3% no que atinxe aos viaxeiros e nun 2,4% no tocante as pernoitas. Pola súa parte, o mercado internacional creceu nun 7,9% no tocante ás pernoitas mentres que os viaxeiros subiron un 18,6%. O número de viaxeiros internacionais neste mes -22.029- supón a cifra máis alta nun mes de febreiro dende os últimos anos. Deste xeito, o mercado internacional elevou o seu peso sobre o conxunto da demanda en 0,65 puntos ata situarse no 14,9%.
Tipoloxías de establecementos
No pasado mes de febreiro, o 93,5% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis, que representaron o 77,2%, como ás pensións, co 16,3% neste caso. O 6,5% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos, que representaron o 3,5% da demanda total, aos cámpings, co 0,1%, e aos establecementos de turismo rural, que supuxeron o 2,8% neste caso. Foi neste segmento, aínda minoritario, onde maior incremento se rexistrou, cunha mellora do 38,2% – porcentaxe que corresponde nun 53,2% aos apartamentos turísticos, no 24% nos cámpings e no 33,2% no caso dos establecementos rurais-. Destaca así o incremento rexistrado nos apartamentos turísticos que presentaron neste segundo mes do ano o mellor comportamento en termos relativos do conxunto da oferta regrada. Se falamos en termos acumulados, o incremento da demanda no segmento extrahoteleiro foi de 28,9%, rexistrándose en todas as tipoloxías de extrahoteleiro incrementos notables, entre o 25% e o 32%.
Primeiros dous meses deste ano
Nos primeiros dous meses deste ano, Galicia acadou a cifra de 306.090 viaxeiros, o que supón un incremento do 8,8% con respecto ao mesmo período do pasado ano. O número de pernoitas incrementouse tamén, acadando a nosa comunidade as 558.111 noites, unhas cifras que sitúan a Galicia na quinta posición en termos de viaxeiros, detrás de Asturias, Andalucía, Castela a Mancha e Madrid. Tanto o mercado nacional como o internacional mantiveron unha tendencia positiva, subindo o turismo nacional, un 1,6% no tocante as pernoitas e un 7,2% no que atinxe aos viaxeiros. O turismo internacional incrementou un 10,5% as súas pernoitas e un 20,4% os seus viaxeiros. O mercado internacional acadou grazas a esta mellora o mellor dato de viaxeiros dos últimos anos con case 43 mil viaxeiros.