O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, participou na entrega de galardóns e diplomas da primeira promoción de Turislab.
O labor da Aceleradora de Proxectos Turísticos, Turislab, posta en marcha pola Xunta para impulsar propostas innovadoras no sector xa está a dar os seus primeiros froitos. Así se puido ver na entrega de premios e diplomas da primeira promoción celebrada o sábado día 11 coa participación do vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Ambos destacaron a importancia desta iniciativa e felicitaron aos participantes e premiados polo traballo desenvolvido.
O primeiro galardón foi para un proxecto de cabanas sostibles denominado Suites Natures e que xa comezou a materializarse coa construción dos primeiros aloxamentos na provincia de Pontevedra. O segundo premio foi para Ruta Nacional VI, unha proposta inspirada na Ruta 66 estadounidense que busca poñer en valor os atractivos da estrada que une A Coruña e Madrid a través do modelo do slow travel. LuXperience levou o terceiro recoñecemento polo seu proxecto de experiencias de realidade mixta en torno ao patrimonio cultural de diversos espazos turísticos. Os integrantes do xurado tamén premiaron a Capptus Apps Turísticas, unha aplicación dirixida aos guías turísticos, como o proxecto que experimentou unha maior evolución durante o programa deste primeiro Acelerador.
A entrega de premios puxo o punto final á primeira edición dun programa que permitiu crear 36 postos de traballo repartidos entre os 10 proxectos seleccionados e captar 36 colaboradores. O acto de clausura permitiu aos dez emprendedores e emprendedoras participantes explicar os puntos fortes das súas iniciativas e expoñer as súas ideas evolucionadas tras o proceso de aceleración.
Os traballos desenvolvidos no marco de Turislab enmárcanse nas directrices do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro desenvolvido pola Xunta, o Clúster Turismo de Galicia e as tres universidades galegas e contribuirán así mesmo a maximizar o potencial turístico da comunidade aproveitando o desenvolvemento do Xacobeo 21-22.