Chega o verán e, coma tódolos anos, vén acompañado de grandes citas musicais. O Son do Camiño foi a primeira: do 15 ao 17 de xuño o Monte do Gozo reuniu máis de 134.000 asistentes na cuarta edición, converténdose na máis exitosa do festival ata a data. Desde a organización do evento indican que o impacto económico do festival alcanzou os 20 millóns de euros, chegando ao 100% da ocupación hoteleira en Santiago e arredores.
Nos vindeiros meses a comunidade galega acollerá máis dunha vintena de grandes festivais musicais, citas que serán uns dos motores culturais e económicos do verán galego. O seguinte será o aclamado Resurrection Fest, rei do metal, hardcore e punk. No ano 2022 reuniu a 145.000 persoas, converténdose no sétimo festival con máis espectadores a nivel español. O festival de Viveiro, que xa celebra a súa 18ª edición, arrincará o 28 de xuño con preto de 100 bandas e público de 46 países diferentes. A organización estima un impacto económico de 17,5 millóns de euros.
O Morriña Fest é outra das grandes datas do verán. O porto da Coruña acollerá os días 28 e 29 de xuño un cartel con grandes nomes do panorama nacional e internacional. Na segunda edición, celebrada o ano pasado en Riazor, o evento congregou a máis de 25.000 persoas, deixando os hoteis da cidade cunha ocupación de máis do 90%.
Santiago de Compostela acollerá outra cita de gran nivel, o Gozo Festival. O 8 de xullo o Monte de Gozo reunirá a catro grandes nomes de diferentes estilos musicais para o gusto de todos os públicos: Robbie Williams, Martin Garrix, Hombres H e Iván Ferreiro.
O Festival de Ortigueira, declarado de Interese Turístico Internacional, celebrarase do 9 ao 16 de xullo. Máis de 15 bandas e agrupacións do mundo celta participarán no evento, que se celebra desde o ano 1978.
Outras das grandes citas que se celebrarán en Galicia ao longo da tempada estival son o Atlantic Pride, que se celebrará do 2 ao 9 de xullo na Coruña; o PortAmérica, do 13 ao 15 de xullo en Caldas de Reis; o Atlantic Fest, do 21 ao 23 de xullo en Vilagarcía de Arousa; o 17º Ribeira Sacra, do 28 ao 30 de xullo; o Reggaeton Beach Festival, do 12 ao 13 de agosto en Nigrán; o Festival da Luz, do 26 ao 27 de agosto en Boimorto; ou o Caudal Fest, do 15 ao 16 de setembro en Lugo.