Galicia acabou o ano como a sétima comunidade con máis traballadores ocupados no sector: máis de 107.000.
O reconto de datos do sector turístico do ano pasado volve ofrecer novos resultados e conclusións. Esta vez chegan da man da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e de Turespaña e reflicten a evolución positiva que o emprego no sector rexistrou durante a recta final do 2021. Así, aínda que durante o catro trimestre do ano mantívose o tradicional descenso do número de ocupados con respecto ao trimestre anterior (xullo, agosto e setembro e, por tanto, o de maior actividade para o sector), a comparativa con respecto á recta final do 2020 mostre coma que no conxunto de España o número total de ocupados no ámbito turístico ascendeu a case 2.550.000 persoas, o que supuxo un incremento interanual do 12,2 %.
As comunidades con maiores fluxos turísticos (Canarias, Andalucía, Madrid, Baleares, Valencia e Cataluña) son as que impulsaron esa recuperación do emprego no sector, pero o incremento foi xeneralizado, sendo La Rioja o único territorio que pechou o 2021 con perda de traballadores ocupados na comparativa interanual. No caso de Galicia, o crecemento no últimos tres meses do ano pasado con respecto á recta final do 2020 foi máis modesto que a media, situándose nun 2,2 %, o que lanza unha cifra final de 107.355 traballadores ocupados no sector turístico, o 4,4 % do total estatal. Deses ocupados en Galicia, algo máis de 83.000 son asalariados e os 24.000 restantes son autónomos, aínda que o comportamento non foi igual entre uns e outros. Así, o número de asalariados do turismo galego entre os dous períodos aumentou un 5,6 %, mentres que o de autónomos reduciuse nun 8,4 %.
Cataluña (421.000), Madrid (402.000), Andalucía (397.000), Valencia (250.000), Canarias (230.000) e Baleares (119.000) son as seis comunidades que concluíron o 2021 con máis traballadores ocupados no sector turístico que Galicia.
Á hora de confeccionar estas estatísticas, a EPA contabiliza como traballadores ocupados a aqueles que se atopan afectados por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) pero cun compromiso de reincorporación ao seu posto de traballo unha vez finalizado o período de suspensión.