CLÚSTER
Dinamizando o sector turístico galego
O Clúster Turismo de Galicia é unha agrupación de empresas vinculadas por unha mesma cadea de valor e que desenvolven as súas actividades nun espazo xeográfico concreto, Galicia, ao redor do sector turístico, ben como actividade principal ou complementaria.
O seu obxectivo é constituírse como a Voz do Turismo, vertebrando unha oferta tan rica e diversa como a galega e promovendo actividades de colaboración que permitan mellorar a competitividade, a innovación e a internacionalización deste sector. O obxectivo final non é outro que o de potenciar a marca Galicia como destino turístico forte, diferenciado e situalo a escala global.
Quen compón o Clúster Turismo de Galicia?
Actualmente o CTG, constituído en decembro de 2013, está conformado por 68 entidades que agrupan toda a cadea de valor do sector turístico e que se distribúen polo catro provincias galegas. Estas entidades, entre federacións, consorcios e asociacións provinciais e galegas representan o 95% do sector turístico de Galicia, agrupando a máis de 7.000 empresas, aínda que non estamos fronte a unha agrupación pechada posto que segue aberta a máis incorporacións.
Que vantaxes ofrece aos seus asociados?
Este Clúster Empresarial é unha entidade sen ánimo de lucro que ten tamén como obxectivo social a representación, defensa e difusión dos intereses comúns dos seus membros, fomentando actividades de apoio, centradas na formación e na mellora do equipamento que permitan incrementar a competitividade do sector e impulse a interacción entre os diferentes axentes que compoñen a cadea de valor do sector turístico. Trátase, en definitiva, de crear unha plataforma de encontro do sector que permita desenvolver iniciativas comúns para fortalecer o sector do turismo en Galicia.
Como podo formar parte do Clúster Turismo de Galicia?
As solicitudes, xunto coa documentación esixida, dirixiranse ao domicilio social recollido nos Estatutos á atención do secretario do CTG, quen realizará a comprobación de que dita solicitude cumpre cos requisitos para ser asociado de pleno dereito, isto é, trátase dunha persoa xurídica radicada en Galicia e que desenvolve a súa actividade nalgún dos elos da cadea de valor que conforma o sector turístico en Galicia ben porque provean de produtos vos servizos ou utilicen procesos relacionados con este sector e que teñan interese no desenvolvemento dos fins do CTG. As consideradas pequenas empresas, aquelas que ocupen menos de 50 persoas e cun volume de negocio inferior aos 10 millóns de euros, deberán integrarse dentro do CTG como membros de asociacións sectoriais.
Unha vez recibida correctamente a documentación, o secretario clasificará á entidade solicitante nunha das tipoloxías de asociado e elevará á Xunta Directiva a solicitude, a efectos da súa admisión provisional. A Asemblea Xeral, na primeira reunión que celebre, deberá decidir sobre as admisións provisionais, facéndoas definitivas.
Cal é a cadea de valor que o conforma?

Que beneficios competitivos ofrece a clusterización desde sector?
O CTG xurde como unha ferramenta indispensable para que o Turismo en Galicia poida adaptarse a un mercado globalizado e esixente como o actual, xa que permitirá o posicionamento do destino Galicia de forma eficiente e a nivel global.
Nun sector atomizado como o galego que presenta certo cansazo no modelo de negocio e cunha competencia moi forte, a constitución do CTG permítelle ao sector contar cun órgano con capacidade para manter unha relación con todo o tecido económico e que se constitúe como un interlocutor válido coa Administración Pública, fomentando a cooperación público-privada e podendo pór a disposición do sector fontes de financiamento alternativas ao que o resto de asociacións ou federacións non teñen acceso polo seu carácter local.
O Clúster Turismo de Galicia constitúese ademais como unha organización empresarial autosustentable economicamente que se constitúe como punto de encontro do sector e fomentadora do intercambio de información e experiencias que poidan ser de aproveitamento para todos os axentes implicados, aglutinando os intereses das múltiples asociacións que integran as empresas, servizos e equipamentos turísticos, así como os seus profesionais nunha única entidade.
Puntos fortes do Clúster Turismo de Galicia:
Capacidade de innovación.
Mellora da percepción de Galicia como destino turístico.
Mellora da capacidade de innovación das empresas.
Influencia nas políticas orientadas ao sector.
Fortalece as competencias crave das empresas.
Permite identificar novas oportunidades e propostas de colaboración.
Favorece a capacitación conxunta dos recursos humanos.
Facilita o acceso ao financiamento público.
Permite definir actividades de promoción conxuntas especialmente en promoción exterior.
Transmite unha imaxe profesional do sector.
Qué actuacións desenvolve o Clúster Turismo de Galicia?
Desde a súa constitución desenvolveu un importante labor de captación de socios e de presenza nos principais puntos de encontro sectorial como Fitur, Xantar, Forum Gastronómico, EIBTM no ámbito nacional como tamén internacional, coa delegación comercial que viaxou ao World Travel Market de Londres. Ademais, asinou acordos de colaboración para fomentar o asociacionismo con Turismo de Galicia e forma parte activa das actuacións para levar a cabo o Plan Integral de Turismo de Galicia. Así mesmo, o CTG asumiu a xestión dos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE ao obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
Qué potencialidade ten o sector turístico en Galicia?
O sector turístico constitúe un dos alicerces da economía galega. Segundo os datos do último informe de IMPACTUR, a actividade xerada polo turismo en Galicia ascende a máis de 6 mil millóns de euros, o que representa o 10,6% do Produto Interior Bruto e o 11,5% do emprego, cifras que fan do Turismo una das industrias máis potentes na nosa Comunidade e un dos sectores que está a ser capaz de xerar emprego en Galicia. Un sector que se caracteriza pola súa transversalidade o que fai necesario contar cun órgano que permite vertebrar e organizar a cadea de valor que o forma e que fomente no colectivo a mellora da calidade, a profesionalidade e a oferta.

BOLETÍN

Queres recibir toda a actualidade do sector no teu e-mail?

Actividades realizadas coa colaboración da Xunta de Galicia – Axencia de Turismo de Galicia. 

LogoXunta_Galicia


Twitter Twitter Facebook Linkedin Youtube