Os hoteis, con 323 establecementos adheridos, e as axencias de viaxes, con 171, foron os negocios máis implicados na campaña da Xunta.
O sector turístico galego volveuse a envorcar coa iniciativa dos bonos turísticos #QuedamosEnGalicia posta en marcha por primeira vez pola Xunta de Galicia e o Clúster Turismo de Galicia no 2020 para premiar o labor desenvolvido polo persoal sanitario durante a pandemia, e que a partir do 2021 se estendeu ao resto da poboación galega. Á edición do 2022, que concluíu hai escasos días, sumáronse case un milleiro de empresas (953 en total) para poñer os seus servizos ao alcance dos beneficiarios das tarxetas turísticas.
Os hoteis foron os aloxamentos máis representados na campaña #QuedamosEnGalicia22 con 323 adhesións, seguidos dos establecementos de turismo rural (150), os apartamentos turísticos (111), as pensións (91) e os cámpings (42), Tamén se sumaron á iniciativa 19 albergues, 18 balnearios, 16 vivendas turísticas e 12 paradores, ademais de 171 axencias de viaxe. Por provincias, A Coruña foi o territorio máis representado nesta iniciativa, cun total de 346 empresas. Pontevedra participou con 331 negocios, Lugo con 160 e Ourense con 99.
Entre todas estas empresas, ofreceron case 400 paquetes turísticos e un centenar de ofertas personalizadas que combinaban aloxamento con experiencias, termalismo, gastronomía, rutas e outras propostas diversas. Nesta ocasión, o importe das tarxetas que podían solicitar os beneficiarios foi de 500, 375 e 250 euros, dos que a Xunta achegaba o 40 % e o usuario, o 60 % restante. Para aspirar ás tarxetas bastaba con ser residente en Galicia, maior de idade e non ter sido beneficiario da convocatoria do 2021.
Os beneficiarios puideron facer uso das súas tarxetas desde a pasada primavera ata o 31 de decembro, a excepción do período comprendido entre o 1 de xullo e o 15 de setembro por tratarse da tempada alta do sector turístico. E é que, unha das finalidades desta iniciativa, foi precisamente estimular a actividade do sector nas épocas de menor demanda.