[:gl]Novas[:es]Noticias[:en]News[:]

As instalacións inauguradas en Vilagarcía de Arousa son o froito da colaboración entre varias administracións e entidades, entre elas o Clúster Turismo de Galicia.

 

O sector turístico galego xa dispón dun espazo de referencia desde o que impulsar a súa modernización, fomentar a creación de emprego e lograr que o talento novo non abandone esta terra. Eses son algúns dos obxectivos cos que acaba de abrir as súas portas en Vilagarcía de Arousa o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC, unha instalación que se enmarca no proxecto da Xunta de Galicia para impulsar a través da colaboración público-privada sete centros de fabricación avanzada que ofrezan ás empresas dos seus respectivos sectores unha infraestrutura con recursos e servizos tecnolóxicos ao seu alcance.

 

Os case 400.000 euros necesarios para facer realidade Galicia TurisTIC foron achegados pola Xunta, pero o proxecto é froito do traballo conxunto coa administración local e entidades diversas como a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, a Autoridade Portuaria de Vilagarcía, a Mancomunidade do Salnés, o Clúster TIC de Galicia e o Clúster Turismo de Galicia, cuxo presidente, Cesáreo Pardal, foi un dos encargados de tomar a palabra no acto inaugural celebrado o pasado 4 de maio. “Era moi necesario ter un espazo como este para o sector e espero que responda da maneira máis rápida posible porque as empresas turísticas témonos que seguir modernizando e, desde logo, quen non se dixitalice non terá percorrido ningún”, explicou Cesáreo Pardal nunha intervención na que tamén reivindicou o papel desempeñado polo sector turístico durante a pandemia.

 

O novo centro dispón de 275 metros cadrados para albergar tres laboratorios destinados á intelixencia artificial e o big data, os dispositivos intelixentes e a realidade virtual e aumentada. Tamén conta cunha área de formación no ámbito tecnolóxico, outra de demostracións para clientes e unha terceira destinada a emprendedores e  startups.

 

“A aspiración é que o talento emprendedor, o tecido empresarial e as administracións teñan á súa disposición un banco de probas para introducir mellores produtos e servizos”, destacou no acto inaugural o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís. “Cremos que un dos piares máis importantes para o sector turístico é a formación e a innovación, tal e como amosa o noso Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023, unha folla de ruta que está a guiar a nosa recuperación”, apuntou, pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

04 de Maio de 2022

O centro Galicia TurisTIC abre as súas portas para converterse nun polo tecnolóxico que impulse a modernización do sector

As instalacións inauguradas en Vilagarcía de Arousa son o froito da colaboración entre varias administracións e entidades, entre elas o Clúster Turismo de Galicia.   O […]
02 de Maio de 2022

Representantes da mellor gastronomía galega acompañarán o Clúster nas presentacións programadas nas Illas Canarias e no Porto

Eloy Cancela e Kike Piñeiro, da Horta d’Obradoiro, poñerán a nota de sabor nas Palmas e Tenerife, e Iván Domínguez, de Nado, fará o propio na […]
30 de Abril de 2022

Os hoteis galegos rozaron durante marzo as cifras prepandemia de visitantes e noites pasadas

Os datos do INE reflicten un incremento de máis do 100 % con respecto ao mesmo mes do ano pasado.   O sector turístico galego segue […]
29 de Abril de 2022

As vilas que conxugan turismo e preservación volverán ter recoñecemento por parte da Organización Mundial do Turismo

A OMT acaba de poñer en marcha a segunda edición da iniciativa  Best  Turism  Villages.   Baixo a premisa de converter o turismo nun motor para […]