A Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, acolleu esta mañá a Asemblea anual do Clúster
As actividades de internacionalización do destino Galicia, os workshops para impulsar a comercialización, a posta en marcha de Galicia Destino Sostible, a reedición do Bono #QuedamosenGalicia ou a aposta continuada pola calidade, foron algúns dos temas abordados durante a presentación da memoria anual e as previsións de actividade para 2022 do Clúster de Turismo de Galicia na súa Asemblea anual.
A reunión do máximo órgano de decisión do Clúster tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela. A presidencia da Agrupación industrial deu conta das principais actividades desenvolvidas e impulsadas en 2021, un ano aínda marcado pola pandemia e no que o turismo nacional foi o protagonista. Por iso a Agrupación industrial de Turismo de Galicia está a reforzar as actuacións de internacionalización, ben de forma directa ou en colaboración con outras entidades como a Axencia Turismo de Galicia ou Turespaña. Esta colaboración permitiu que diferentes empresas galegas participasen nas presentacións do Xacobeo en París, Zúric, Frankfurt, Hamburgo ou Londres, ou en workshops de ámbito internacional como as xornadas de comercialización directa en Miami ou a través do Roadshow que percorreu diferentes cidades de Italia.
A sustentabilidade, un dos eixos do Plan Director Galicia Destino Seguro 21-23, tivo un fito de especial relevancia o ano pasado coa firma dun convenio entre o Clúster e a Xunta de Galicia para crear o recentemente presentado “Galicia Destino Sostible”. A iniciativa vai asociada a unha liña de axudas a empresas de máis de 300.000 euros para apoialos na creación de novos produtos sostibles. O obxectivo de “Galicia Destino Sostible” é actuar como un hub que integre toda a oferta turística sostible da comunidade autónoma.
Este ano convocouse a terceira edición do Bono Turístico #QuedamosenGalicia2022, froito da firma dun convenio coa Axencia Turismo de Galicia e que un ano máis resultou un éxito ao esgotar os bonos dispoñibles ás poucas horas do arranque da convocatoria. O Clúster espera superar os datos do exercicio anterior, onde se adheriron máis de 1.200 empresas e realizouse un gasto de máis de 4 millóns de euros.
A aposta pola calidade é unha das liñas de actuación prioritaria do Clúster que segue ofrecendo ás empresas servizo de asesoramento para conseguir novas certificacións da Q de calidade, nas que Galicia está nos primeiros postos da clasificación estatal.
Desde o Clúster de Turismo de Galicia séguese apostando pola colaboración público-privada, onde Turismo de Galicia segue tendo un papel esencial e este ano fortalécese con convenios coas deputacións da Coruña e Pontevedra. Así se celebrará o IV Encontro de Turismo de Galicia e realizaranse dous workshops para promover a comercialización do Destino Galicia en dúas cidades españolas. Igualmente realizarase outra xornada promocional do destino.