Nava Castro recolleu en Madrid o galardón outorgado á campaña organizada pola Xunta co apoio do Clúster.
A pandemia da covid atrasou a entrega dos galardóns concedidos durante a pasada edición de Fitur, a feira internacional de turismo que se celebra cada ano en Madrid, pero finalmente púidose celebrar o acto no que foi recoñecida a campaña que baixo a denominación de Elixe Galicia puxo en marcha no 2020 a Xunta de Galicia co apoio do Clúster Turismo de Galicia para incentivar o turismo interno. O recoñecemento a Elixe Galicia foi outorgado por Fitur e a revista Aire Libre na categoría de mellor produto de turismo activo.
A entrega de premios celebrouse en días pasados na capital española coa presenza da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, que foi a encargada de recoller o galardón e destacar os bos resultados obtidos por Elixe Galicia. Así, este programa composto por paquetes turísticos dirixidos a mozos menores de 30 anos, familias e pensionistas de máis de 55 permitiu comercializar nas súas dúas edicións (2020 e 2021) un total de 4.300 prazas e xerar unha inxección directa no sector turístico de máis dun millón de euros.
O programa seguirá aberto ata o próximo mes de novembro. Rutas de patrimonio histórico e cultura; Rutas de natureza e montaña; Vacacións en zonas costeiras e Estadías en balnearios son as catro modalidades de paquetes turísticos que ofrece Elixe Galicia. Os interesados en gozar dalgún deles deben acudir a unha axencia de viaxes para formalizar a inscrición.
Máis información en https://www.turismo.gal/osdam/filestore/1/9/6/8/2_dacd281ef879eca/19682_8ad4c597ed10c14.pdf