O proxecto Galicia MICE, presentado na capital madrileña a máis dun centenar de empresas e entidades vinculadas co turismo de reunións ten como finalidade situar Galicia entre os principais destinos nacionais e internacionais para a celebración de eventos. Con este obxectivo ponse en marcha o proxecto Galicia MICE que persegue establecer unha organización permanente do sector, actualmente desestructurado e sen un espazo de referencia, creando ferramentas e desenvolvendo accións destinadas a promover unha oferta global de Galicia como destino, o que permitirá lograr visibilidade entre os potenciais públicos de interese para este tipo de turismo.
Galicia MICE nace ademais con dúas ferramentas potentes para conseguir est obxectivo: a Guía Galicia MICE, unha guía profesional dos recursos MICE de Galicia, editada en formato USB e apoiada noutra das accións incluídas no proxecto, a creación dun portal web de referencia do sector, que se integrará nos da Axencia de Turismo, o Clúster e as propias organizacións impulsoras da iniciativa.
OPC Galicia (Organizadores Profesionais de Congresos), a Asociación de Palacios de Congresos de Galicia, HOSPECO (Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña) e ASEHOPO (Asociación de Empresarios de Hospedaxe da provincia de Pontevedra) son os promotores da iniciativa que foi presentada no restaurante Atlántico, Casa de Comidas, rexentado polo chef galego Pepe Solla e que contou coas intervencións do presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, do Xefe de Área de Imaxe e Xestión de Marca da Axencia Turismo Galicia, José Ramón Castiñeira, e da presidenta de OPC Galicia, Yolanda Barbeito.
Sector crave para a desestacionalización
Ademais de dar a coñecer o MICE galego como produto, Galicia MICE quere impulsar o traballo conxunto e dar a coñecer este sector en Galicia, que até o momento operaba en base a accións individuais de cada unha das organizacións ou empresas Actualmente celébranse en Galicia máis de mil eventos anuais de diferentes tamaños, que concentran un turismo de alto poder adquisitivo, xa que se estima que o gasto medio dun participante en reunións e congresos é un 30% superior ao dun turista convencional, alcanzando unha media de 250 euros ao día. O turismo de congresos é, ademais, a principal baza para lograr unha continuidade ao longo do ano na economía turística debido ao seu carácter desestacionalizador, posto que os eventos adoitan organizarse en tempadas media e baixa, sendo un sector que factura cada ano ao redor de 60 millóns de euros.