Desde hoxe e ata o 26 de maio participa xunto con cinco empresas galegas nun Roadshow organizado por Turespaña que percorrerá Roma, Catania, Bolonia e Milán.
No marco da campaña de internacionalización do destino Galicia, o Clúster Turismo de Galicia participa esta semana no Roadshow por Italia organizado por Turespaña. Abrir novas oportunidades de negocio e incrementar a visibilidade de Galicia como destino turístico son os obxectivos do Clúster, Turismo de Galicia e as cinco empresas da delegación galega que participan nesta iniciativa: ArtNatura Galicia, Circuitos Galicia, Galiwonders, Interrías y Tee Travel.
O RoadShow comeza hoxe en Roma e continuará por Catania, Bolonia e Milán. En cada unha destas cidades as preto de 50 empresas españolas que participan na iniciativa poderán expoñer os seus produtos e servizos turísticos culturais, gastronómicos ou premium a compradores italianos.
Ademais das cinco empresas galegas que estarán presencialmente nos diferentes worshops, outras 19 axencias de viaxe estarán tamén presentes no encontro grazas a un catálogo elaborado polo Clúster Turismo de Galicia que resume os seus servizos principais.
Estas xornadas buscan reactivar e incrementar a comercialización do turismo español nun dos principais mercados emisores europeos antes da pandemia e posicionarse nel como un destino turístico de calidade, seguro e sustentable.
Aposta pola internacionalización
O sector turístico galego retoma con forza os seus obxectivos para incrementar a súa competitividade e seguir apostando pola internacionalización. Esta é unha das 15 actuacións de internacionalización xa pechadas para este 2022, ben impulsadas polo Clúster ou en colaboración coas administracións públicas, en 8 países distintos nos que participarán polo menos 120 empresas. Estas actuacións abren a porta ao establecemento de novos lazos con outros territorios e a novas oportunidades de negocio.