A Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra impulsa a iniciativa desenvolvida por Ecoedes, Coca Cola e Hostalería de España.
Máis de 60 establecementos vigueses sumáronse a esta campaña que avoga por loitar contra o cambio climático aumentando a sustentabilidade do sector e reducindo as súas emisións.
As instalacións do Real Club Náutico de Vigo acolleron o pasado 1 de decembro a presentación en Vigo de Hostalería #PorElClima, unha plataforma de ámbito estatal nada no ano 2017 por iniciativa de Ecodes co apoio de Coca Cola e a colaboración de Hostalería de España para sensibilizar ao sector sobre a necesidade de loitar contra o cambio climático e impulsar a adopción de medidas para mellorar a súa sustentabilidade. Na actualidade xa aglutina a case 3.700 establecementos de todo o país.
Algo máis de 60 son de Vigo, tal como se puxo de manifesto no acto desenvolvido para visibilizar a campaña desenvolvida na zona grazas á colaboración da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra. O presidente desta entidade, César Sánchez-Ballesteros, secretario tamén do Clúster Turismo de Galicia, foi un dos protagonistas da xornada e na súa intervención reivindicou o papel do sector nesta loita pola sustentabilidade e contra o cambio climático: “A hostalería ten que facer valer o seu importante peso social, xa que ao impacto das accións directas que poden realizar os establecementos de hostalería que hai en Vigo, súmase o efecto multiplicador que a visualización desas pequenas accións pode ter nos miles de clientes que visitan diariamente os locais de hostalería”.
Pablo Barrenechea, director de Acción Climática de Ecodes; María Troncoso, xestora de Sustentabilidade, Asuntos Públicos e Comunicación de Coca-Cola Europacific Partners Iberia, e Nuria Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente e Vida Saudable de Vigo, tamén tomaron a palabra neste acto, no que se fixo balance da implantación da plataforma na cidade.
Así, explicaron que 51 dos establecementos xa adheridos en Vigo participaron nun cuestionario sobre aspectos como o aforro de auga, a eficiencia enerxética, a mobilidade sostible, a pegada de carbono, o consumo responsable e a correcta xestión dos residuos, o que permitiu constatar o seu interese polo aforro, a eficiencia e a reciclaxe así como a súa aposta por traballar con provedores locais.