A cidade portuguesa acollerá o 19 de maio unha nova presentación do turismo galego e un workshop.
Tras os dous workshops previstos para os días 10 e 11 de maio en Las Palmas de Gran Canaria e Santa Cruz de Tenerife, os empresarios do sector turístico galego non tardarán en ter unha nova cita para dar a coñecer as súas propostas diante de emisores de fóra da comunidade. A próxima xornada de presentación da nosa oferta turística organizada polo Clúster Turismo de Galicia coa colaboración da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia terá lugar en Oporto o xoves 19 de maio.
O Clúster desprazará ata esa cidade portuguesa un total de 25 empresas galegas para participar nunha xornada que se desenvolverá no recinto WOW Porto e que incluirá un workshop, un breve acto institucional coa proxección dun vídeo promocional e unha cea degustación a cargo dun reputado cociñeiro galego. Tamén haberá un sorteo de estancias en Galicia entre os participantes portugueses que máis contactos realicen cos empresarios galegos desprazados.
Do mesmo xeito que no caso de Canarias, as 25 prazas previstas para os representantes galegos serán repartidas entre catro sectores: axencias de viaxes maioristas, hoteis, outros aloxamentos e empresas de oferta complementaria. Neste caso o prazo para anotarse estará aberto ata as 14 horas do martes 19 de abril. A información detallada da viaxe e o formulario de inscrición están dispoñibles en https://clusterturismogalicia.com/en/eventos/inscripcion-workshop-oporto-jueves-19-de-mayo-de-2022/