[:gl]Novas[:es]Noticias[:en]News[:]

Patrimonio, natureza, enogastronomía e termalismo son os factores diferenciais resumidos en “OU”.

 

Dúas letras, OU, constitúen o símbolo da nova marca e da estratexia turística deseñadas pola Deputación de Ourense a través do Inorde (Instituto Ourensán de  Desenvolvemento Económico) para promocionar a provincia. Así o deron a coñecer os responsables de ámbolos dous organismos durante un acto celebrado o pasado 2 de novembro no Castelo de Monterrei coa presenza de medio centenar de representantes institucionais e empresariais, e así se está deixando ver xa en Xantar, o salón internacional de turismo gastronómico que se celebra estes días no recinto de Expourense.

 

Patrimonio, natureza, enogastronomía e termalismo son as catro grandes fortalezas da oferta turística ourensá que se resumen na marca OU, mentres que sustentabilidade, dixitalización, intelixencia turística e transformación competitiva constitúen os catro piares sobre os que foi erixida a estratexia turística. A inminente chegada a Ourense da alta velocidade ferroviaria, a súa consecuente consolidación como gran porta de entrada en Galicia e a súa proximidade con Madrid, un dos mercados de proximidade máis importantes, son os factores que impulsan o desenvolvemento desta iniciativa coa que, en palabras do presidente da Deputación, Manuel Baltar, Ourense quere expresar a súa vocación turística, sintetizar a súa identidade e mostrar que se trata dunha provincia xenuína e capaz de conservar a súa autenticidade.

 

A nova marca pretende, así mesmo, aglutinar a todo o sector turístico provincial e contribuír a apontoar e reforzar as boas cifras de ocupación rexistradas durante o verán pasado. Os case 130.000 turistas que visitaron Ourense durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro supoñen a cuarta mellor cifra da historia. Ademais, a provincia superou mesmo as cifras de noites pasadas no turismo rural previas á pandemia. Os 72 bens de interese cultural da provincia, as dúas rutas oficiais do Camiño de Santiago que a atravesan, os seus 21 espazos naturais protexidos, as festas de interese turístico, as denominacións de orixe e as rutas do viño, os 63 itinerarios de interese paisaxístico, os 4 centros BTT impulsados por Turismo de Galicia e os 7 balnearios son algúns dos atractivos que a Deputación espera potenciar coa nova marca.

 

En canto á estratexia, a xerente do Inorde, Emma González, explicou que as liñas de acción fixadas responden á demanda dun turismo sostible con medidas como un plan de redistribución dos fluxos de visitantes por todo o territorio provincial. Tamén está prevista unha aposta pola calidade facilitando a certificación das pequenas e medianas empresas, e pola dixitalización, desenvolvendo unha plataforma smart, aplicacións para móbiles, unha guía con contidos interactivos e outras ferramentas que melloren a experiencia do visitante á vez que posibilitan mellorar a planificación e xestión.

05 de Novembro de 2021

A provincia de Ourense xa presume de nova marca turística

Patrimonio, natureza, enogastronomía e termalismo son os factores diferenciais resumidos en “OU”.   Dúas letras, OU, constitúen o símbolo da nova marca e da estratexia turística […]
03 de Novembro de 2021

A promoción de experiencias relacionadas co Camiño protagoniza a presencia de Galicia no World Travel Market de Londres

O Clúster Turismo de Galicia organizou unha misión comercial á feira británica na que participaron máis de 20 profesionais e empresarios.   A promoción de experiencias […]
02 de Novembro de 2021

Ourense convértese na capital do turismo gastronómico con Xantar

A nova edición do salón internacional celébrase do 3 ao 7 de novembro e está centrada nos sabores das distintas rutas do Camiño de Santiago.   […]
30 de Outubro de 2021

O Clúster Turismo de Galicia asina un convenio coa Xunta para destinar 700.000 euros ata finais de 2022 para a creación e difusión de produto sostible

Entre as acción previstas destacan a creación dun club de produto, así como unha base de datos de establecementos e unha intranet.   O Clúster Turismo […]