[:gl]Novas[:es]Noticias[:en]News[:]

A Xunta e a Asociación de Balnearios de Galicia prorrogaron o programa turístico desenvolvido no verán.

 

A boa acollida obtida polo programa “Verán Termal” posto en marcha durante o pasado período estival pola Xunta, a través de Turismo de Galicia, e a Asociación de Balnearios de Galicia animou aos seus responsables a prorrogalo entre o 1 de outubro e o 28 de novembro. O “Outono Termal” nace así coa intención de apoiar a un sector moi afectado pola pandemia e contribuír a paliar a perda de actividade propiciada pola paralización das viaxes do Imserso, que tiñan previsto comercializar máis de 4.000 prazas de aloxamento nos balnearios galegos.

 

O “Outono Termal” permitirá comercializar un total de 709 prazas en 12 establecementos repartidos polas catro provincias mediante estadías de 10 días e 9 noites dirixidas a pensionistas galegos ou residentes en Galicia. Estes paquetes inclúen tratamentos terapéuticos baixo prescrición médica.

 

Os balnearios de Carballo e Compostela, na provincia da Coruña; o Balneario de Lugo–Termas Romanas e o Iberik Augas Santas Balneario & Golf, na de Lugo; os da Arnoia, Laias e o Gran Balneario do Carballiño (con aloxamento no Hotel Derby ou no Hotel Lorenzo), en Ourense, e os balnearios Acuña (Caldas de Reis), Dávila, Caldelas de Tui, Mondariz e Termas de Cuntis, en Pontevedra, son os 13 establecementos que participarán nesta campaña.

 

A iniciativa foi presentada no balneario da Arnoia cun acto no que tomaron parte a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño. Castro explicou que o Outono Termal supoñerá unha achega económica da Xunta ao sector de 75.000 euros, que se suman aos 100.000 euros investidos xa no Verán Termal e que se saldaron coa comercialización das 800 prazas ofertadas. Ademais, a administración autonómica está a impulsar a actividade nos balnearios a través do programa Elixe Galicia, que propiciou xa a comercialización doutras 1.500 prazas nestes establecementos.

29 de Outubro de 2021

Galicia postúlase como destino termal tamén no outono

A Xunta e a Asociación de Balnearios de Galicia prorrogaron o programa turístico desenvolvido no verán.   A boa acollida obtida polo programa “Verán Termal” posto […]
28 de Outubro de 2021

Unha vintena de empresas acoden co Clúster á feira internacional de turismo de Londres

A misión comercial galega participará nas actividades da  WTM, que se desenvolverá do 1 ao 3 de novembro.   O sector turístico galego volveu responder de […]
27 de Outubro de 2021

O sector turístico galego confirmou en setembro a súa fortaleza

Galicia duplicou os datos de viaxeiros e noites feitas con respecto ao mesmo mes do 2020 e rozou xa as cifras prepandemia   Tras os bos […]
25 de Outubro de 2021

O Clúster colabora coa Deputación de Pontevedra na promoción da provincia en Madrid e Valencia

Cesáreo Pardal participou na viaxe encabezada por Carmela Silva e nos workshops celebrados en ámbalas dúas cidades   Valencia e Madrid foron as dúas cidades escollidas […]