[:gl]Novas[:es]Noticias[:en]News[:]

A marca agrupa a un total de 13 festivais que compartiron co goberno galego a súa situación e as medidas adoptadas ante a situación derivada da COVID19

Representantes dos festivais adheridos á marca FEST Galicia, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, mantiveron un encontro co obxectivo de coñecer de primeira man a situación dos seus proxectos e abordar as medidas nas que traballa a Xunta de Galicia para impulsar o sector cultural e musical, tendo en conta a proximidade do Xacobeo 2021.

Neste sentido os representantes da entidade destacaron o proceso de adaptación dos formatos á actual situación marcada pola crise sanitaria da covid-19, repensando as súas programacións e apostando en moitos casos por artistas galegos, ademais de modificar os seus calendarios habituais en moitos casos. Até o momento celebráronse Vive Nigrán 2020 Picnic-Club Edition, encargado de inaugurar a tempada FEST Galicia os pasados 17 e 18 de xullo; Sinsal Litoral SON Estrela Galicia, que ofreceu unha exclusiva carteleira ao longo de cinco días; e os festivais 17º Ribeira Sacra e MicroSonRías Baixas, que celebraron edicións especiais en formato reducido.

A mediados de agosto desenvolverase o Atlantic Fest/Fest Galicia Xacobeo 2021 cun concerto sorpresa que se traducirá en pezas audiovisuais para difundir a través das redes sociais, sen perder de vista a esencia de festival de praia que inaugura unha nova etapa do evento con localización no areal da Concha, en Vilagarcía de Arousa. E pechando o mes de agosto, o venres 28 e o sábado 29, o Resurrection Fest 2020 Online Edition desenvolverá unha programación en streaming con máis de 12 horas de contido nas plataformas de YouTube e Facebook, na que se inclúe un documental coa historia do festival, concertos inéditos, entrevistas e a estrea oficial da canción do Resurrection Fest creada pola banda Crisix.

Setembro, o mes máis festivalero

Moitos festivais decidiron mover o seu calendario habitual ao mes de setembro, que estará cargado de propostas moi diversas. A ruta comezará en Lugo coa programación do Caudal Fest, que programará as Noites de Caudal con 15 concertos de varios artistas, repartidos do 3 ao 20 de setembro en distintos emprazamentos da cidade de Lugo para un máximo de 800 persoas.

Pola súa banda, o Festival das Linguas ofrece o formato Revenidas en conserva, que do xoves 10 ao domingo 13 mesturará actividades en liña e convocatorias presenciais, con música, circo, narración oral, actividades de cultura mariñeira e gastronomía en varios lugares de interese turístico do barrio de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa.

Esa mesmo fin de semana o WOS desenvolverá a súa edición máis reflexiva cunha xornada do programa de conferencias WOS Talks X FEST Galicia, que terá lugar o sábado 12 de setembro na Cidade da Cultura de Galicia, e tamén vía streaming. Serán charlas con carácter formativo, centradas na responsabilidade social e dirixidas a unha ampla audiencia sobre temas de actualidade na cultura e experiencias persoais de artistas de prestixio.

No último fin de semana de setembro tamén conflúen outras dúas citas. En Santiago, do 24 ao 27, o festival Cantos na Maré programará a edición especial Compostela na Marea con actividades musicais e sectoriais que se desenvolverán en diferentes espazos singulares da capital de Galicia e poderanse seguir tamén a través da rede. Mentres, en Vigo, o Festival Under Fest celebrará unha edición reducida o sábado 26 de setembro, con concertos en salas e teatros da cidade e tamén actividades na rúa.

Aínda en setembro pero sen data confirmada, terán lugar outros dous eventos: Festival da Luz ofrecerá Reencontros dá Luz e a que será a 10ª edición do PortAmérica publicará Talento galego para levar, tres gravacións exclusivas doutros tantos artistas de talento consolidado da música galega, que se realizarán sen público en lugares de interese turístico, e que se publicarán ao longo dese mes.

Apoio da Xunta
Os festivais profesionais de música de verán que integran a marca FEST Galicia contan co apoio do Goberno galego a través do programa FEST Galicia 2020 que conta cun investimento de 400.000 euros. Con esta nova proposta desenvolverá até finais de setembro concertos e convocatorias de formato reducido para cumprir cos protocolos hixiénico-sanitarios, así como distintas accións en liña. A prioridade é apoiar economicamente as empresas promotoras para que o próximo ano poidan regresar con edicións e carteis tan sobresalientes como os inicialmente previstos para este ano.

FEST Galicia mantense así como marca transversal impulsada polo Goberno autonómico desde 2018 para promover un turismo musical sustentable e de calidade, liderado por festivais estratéxicos para a nosa Comunidade e que, diante da actual crise sanitaria, víronse obrigados a suspender, atrasar ou modificar as súas edicións actuais.

04 de Agosto de 2020

Apoio da Xunta aos festivais musicais baixo a marca Fest Galicia

A marca agrupa a un total de 13 festivais que compartiron co goberno galego a súa situación e as medidas adoptadas ante a situación derivada da […]
31 de Xullo de 2020

Abanca e Clúster Turismo de Galicia alíanse para ofrecer solucións financeiras adaptadas á situación do sector turístico galego

O banco e a agrupación de entidades do sector turístico renovan a súa colaboración e activan opcións de financiamento adaptadas á situación económica xerada pola crise […]
31 de Xullo de 2020

A Xunta recupera o programa Elixe Galicia para a recta final do ano

O programa previsto como medida de impulso ao turismo interno antes da pandemia reaxusta o seu calendario e desenvolverase este ano entre o 15 de setembro […]
30 de Xullo de 2020

Termatalia organiza o 1º Congreso sobre Auga e Saúde

Celebrarase os días 16 e 17 de setembro de 2020 en formato híbrido puidendo seguirse de forma presencial desde Ourense ou ben virtual desde calquera parte […]