A Xunta abriu a preinscrición para a terceira edición da súa Aceleradora de Startups Turísticas.
Turislab, a Aceleradora de Startups Turísticas posta en marcha pola Xunta de Galicia coa colaboración de diversas empresas do sector e do Clúster Turismo de Galicia terá continuidade un ano máis. Así o confirmaron os seus responsables ao abrir o formulario de preinscrición para os emprendedores interesados en participar na iniciativa.
Os seus promotores cualifican como exitosa a edición concluída en datas recentes e á que concorreran máis dun centenar de proxectos e sinalan que a continuidade de Turislab permitirá seguir aumentando a oferta formativa, incorporar novos contidos para optimizar os resultados na saídas efectivas aos mercados e continuar cultivando novos casos de éxito que melloren o sector en Galicia. Ademais, explican que a Aceleradora “conta xa cun ecosistema propio consolidado e que segue crecendo, conformado por empresas tractoras de distintos sectores, fondos de investimento e entidades colaboradoras”.
A apertura do formulario de preinscrición, permitirá aos responsables de todos aqueles proxectos interesados en participar na terceira edición de Turislab comunicalo xa e presentar as ideas e modelos do seu proxecto en fase previa.
Boldest, unha plataforma de mapas interactivos para mellorar a promoción de proxectos turísticos; Wonder Experience, unha plataforma de experiencias turísticas gamificadas, e Spa’Relajarse, un buscador especializado en wellness, recibiron os tres premios da segunda edición de Turislab, na que tamén obtivo unha mención especial a promotora de tecnoloxía para fomentar o turismo activo TricTrack. O vicepresidente do Clúster, Jesús Picallo, representou a esta entidade no acto de entrega de premios celebrado a mediados de decembro.