Catas e degustacións, pero tamén mesas redondas e debate ao redor da cociña galega, as súas tendencias e o seu futuro. A primeira edición do GastroFÓRUM do Centro Superior de Hostalaría de Galicia pechouse coa participación de máis de 400 persoas entre asistentes e profesionais galegos que se deron cita neste punto de encontro para o sector galego.
Durante as dúas xornadas en que se desenvolveu esta iniciativa, na que se deron cita 60 recoñecidos profesionais do sector, houbo espazo para a cata de viños do cinco denominacións de orixe, así como das súas augardentes e licores tradicionais, o catro denominacións de orixe de queixos galegos protexidos ou aceites 100% galegos. Tampouco faltaron a esta cita outros produtos da nosa gastronomía como o porco e o galo celta, a lamprea, a tenreira, o peixe ou as conservas galegas. Moitos destes produtos foron obxecto de degustacións e de elaboracións por parte de cociñeiros galegos de primeiro nivel, que apostaron tanto por elaboracións tradicionais como outras máis de vangarda ou de cociña de fusión.
Precisamente as tendencias na cociña, a tradición ou a cociña de fusión foron algúns dos temas que se abordaron nos faladoiros gastronómicos, nos que participaron recoñecidos cociñeiros do Grupo Nove como Pepe Solla, Marcelo Tejedor, Héctor López, Javier Oleiros, Luís Vieira, xunto con outros destacados chefs como Diego López, Eloy Cancela ou o Chef Rivera.