O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, participou na entrega de diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino celebrada en Santa Comba.
As distincións premian o compromiso cun turismo de calidade e sostible de varios hoteis, balnearios e restaurantes situados nunha decena de municipios da comarca.
A aposta pola calidade ten recompensa. Así o acaban de comprobar os quince establecementos situados no ámbito de actuación do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela que recibiron os diplomas que acreditan a súa adhesión ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino (Sicted).
O acto, celebrado na contorna da fervenza de Castriz (Santa Comba), reuniu aos responsables de los restaurantes, balnearios e hoteis dunha decena de municipios do GDR recoñecidos cos diplomas e a diversas autoridades e representantes do sector, como a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a alcaldesa de Santa Comba, María Pose; o vicepresidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Moisés Blanco; a presidenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Todos eles destacaron a importancia da aposta pola calidade e a sustentabilidade como piar de futuro do sector e felicitaron aos establecementos distinguidos polo Sicted. Ademais, os asistentes puideron gozar das paisaxes e atractivos da zona participando nunha camiñada previa á entrega dos diplomas.
Os destinatarios destes novos diplomas Sicted son Apartamentos A Carballeira do Tambre e Pazo de Cores (A Baña); Casa Abelleira e Hotel Payro (Ames); Restaurante O Balado (Boqueixón), Hotel Balneario de Compostela e Balneario Compostela (Brión); Restaurante Casa Barqueiro (Negreira), Casa do Ghabino, Talladas Gastrobar e Hotel Xallas (Santa Comba), Moradas no Ulla (Teo), Casa Paramos (Val do Dubra), e Pazo de Vista Alegre e Pazo Cibrán (Vedra).
O Sicted é un proxecto impulsado pola Secretaría de Estado de Turismo coa colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para impulsar a calidade turística, propiciar que esta sexa homoxénea dentro dun mesmo destino turístico e recoñecer o esforzo e o compromiso realizado polos establecementos que se adhiren ao programa.