Os datos do INE reflicten un incremento de máis do 100 % con respecto ao mesmo mes do ano pasado.
O sector turístico galego segue dando pasos importantes para regresar á situación previa á pandemia en canto a volume de actividade. A última enquisa de ocupación hostaleira realizado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) amosa como durante o pasado marzo as cifras superaron en máis do dobre ás do mesmo mes do 2021 ao pasar de 87.430 viaxeiros e 176.822 noites pasadas a 215.509 viaxeiros e 411.995 noites pasadas.
Estas cifras permiten, ademais, aproximarse notablemente aos 236.030 viaxeiros e ás 459.639 noites pasadas rexistradas en marzo do 2019. Estes datos volven confirmar que o sector hostaleiro galego está máis preto de recuperar as cifras prepandemia que a media nacional, onde pese o aumento rexistrado en marzo, a brecha con respecto ao 2019 segue sendo maior.
No caso da provincia da Coruña mesmo se superaron as cifras previas á pandemia, debido a que se en marzo de 2019 os seus hoteis sumaron 104.847 viaxeiros e 197.433 noites pasadas, no mesmo mes deste ano chegaron aos 107.873 viaxeiros e ás 200.722 noites pasadas. Esta boa evolución foi posible grazas ao auxe dos viaxeiros nacionais. Lugo rozou tamén os datos prepandemia en canto ao número de viaxeiros (quedou a menos de 2.000 das cifras do 2019), aínda que neste caso foi grazas aos viaxeiros residentes estranxeiros, que en marzo deste ano foron 3.697, mentres que no mesmo período do 2019 foran 3.544.
En canto á rendibilidade do sector, os hoteis galegos tamén experimentaron un avance significativo ao incrementar en 15,73 á tarifa media diaria por habitación con respecto a marzo do ano pasado ata sumar unha cifra total de 54,42. Pero seguen aínda lonxe da media nacional, que durante o mes pasado foi de 89,05 euros por habitación e día.