Co obxectivo de seguir traballando na diferenciación do destino Galicia-Norte de Portugal e captar novos fluxos de turismo náutico para os portos galegos de titularidade autonómica, a Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, participa no proxecto europeo Ecodestín asociada coa Rexión Norte de Portugal.
Co proxecto europeo preténdese dar a coñecer a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como destino singular náutico e deportivo de carácter único, ao estar integrado por dous países. A proposta, enmarcada no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 concibida para optimizar os recursos do sector e rendibilizar ao máximo as instalacións náutico recreativas, oriéntase especialmente cara aos mercados internacionais como o alemán, inglés, escandinavo, francés e americano.
A través desta iniciativa, a Consellería do Mar pretende converter os peiraos nas pontes de acceso ás vilas náuticas e a oferta patrimonial do interior promovendo o desenvolvemento de novas ofertas náuticas, con especial atención a aqueles portos con notable valor patrimonial, seguindo o exemplo de desenvolvemento e de polo de atracción turística que son os fiordos en Noruega.
Os portos que sexan elixidos como portos piloto para o proxecto poderán recibir, a través del, investimento de fondos europeos para aumentar a capacidade de atracada dos tránsitos e facelos máis accesibles a persoas con discapacidade. Finalmente tamén se poderá reforzar nestes casos as dotacións tecnolóxicas que melloren os servizos que ofertan os portos aos potenciais turistas náuticos para buscar a diferenciación con outros portos do Mediterráneo e o Atlántico Norte.
No proxecto, liderado pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+) e Portos de Galicia participan tamén a Fundación Deporte Galego e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.