Un total de 35 empresas de Galicia participan dende hoxe como visitantes profesionais na feira ITB Berlin, que se desenvolve de xeito virtual, convidadas polo Clúster do Turismo de Galicia. Neste grupo de visitantes atópanse establecementos turísticos, axencias de viaxes, recintos feirais ou adegas, entre outros.
ITB Berlin desenvólvese ata o venres e conta coa participación de 3.513 expositores de 120 países. Nestes catro días, os participantes, ademais de visitar os espazos virtuais dos expositores e establecer contactos comerciais, poden asistir ás case 400 sesións, presentacións e conferencias nas que participan un total de 590 relatores. As conferencias que acompañan a esta edición da feira de Berlín teñen un significado especial este ano, xa que se centran en analizar os novos escenarios turísticos na era posterior á Covid.