Varias entidades asociadas ao Clúster forman parte do novo organismo encargado de velar polo desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística impulsado pola Deputación de Ourense, Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
O Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal xa dispón da súa propia Mesa de Calidade. O organismo constituíuse en días pasados cunha primeira reunión presidida polo máximo dirixente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e na que tomaron parte diversas asociacións e entidades de ámbito local, comarcal, provincial e autonómico, entre as que figuran varias adheridas ao Clúster Turismo de Galicia. É o caso da Confederación de Empresarios de Hostalería, Comercio, Turismo e Servizo de Ourense, a Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Axencias de Viaxe, representadas nesa primeira reunión por Ovidio Fernández, Rubén Araújo e Juan Rivadulla, respectivamente. Completan esta Mesa de Calidade a Axencia Turismo de Galicia, a Confederación Empresarial de Ourense, a Universidade de Vigo, e os xeodestinos Ribeiro-Carballiño, Celanova-Xurés e Verín-Monterrei.
Entre as funcións que deberán desempeñar os integrantes do novo organismo figuran analizar a situación turística do destino a nivel global, propoñer obxectivos e accións correctoras dirixidas á mellora global, valorar anualmente a situación e os resultados dos participantes no proxecto SICTED, propoñer ao comité de distinción da concesión, renovar ou retirar distintivos das empresas/servizos turísticos participantes do destino SICTED e estudar os resultados das enquisas efectuadas no destino.
Segundo explicou Manuel Baltar nesa primeira reunión, a primeira etapa deste Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal que impulsan a Deputación, a Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo a través dun convenio para o período 2022-2024, permitiu completar xa tanto a formación como a avaliación de 25 servizos turísticos, dos cales 23 non dispoñían previamente de ningunha certificación. O presidente provincial destacou tamén que esta ferramenta “de gobernanza e cooperación público-privada permitirá lucir a certificación correspondente e, sobre todo, apostar pola mellora continua e a análise da satisfacción do noso visitante, nun momento crucial tras a chegada da Alta Velocidade Ferroviaria”.
Así mesmo, Manuel Baltar, propuxo como presidente da Mesa de Calidade a Rosendo Fernández, vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense e titular do Inorde, organismo autónomo que dentro do goberno provincial ten atribuída a función do desenvolvemento turístico. Tras a constitución da Mesa da Calidade foron analizadas as propostas dos servizos turísticos que completaron a formación e superaron a avaliación, para elevalas ao Comité de Distinción Nacional, que se reunirá en decembro na Secretaría de Estado de Turismo, e desde aí lograr a súa certificación.