Deporte e turismo xuntan forzas en Sportur Galicia

O salón que se celebra en Ourense o 18 e o 19 de novembro inclúe un workshop no que participarán catro maioristas especializados.

 

O sector do turismo activo reúnese o venres 18 e o sábado 19 de novembro nas instalacións de Expourense (Ourense) para celebrar a cuarta edición do salón Sportur Galicia. Os seus organizadores afrontan a edición deste ano como unha oportunidade de estender a difusión de Galicia como un destino seguro ao ámbito do deporte e o turismo na natureza, e converter eses elementos nunha porta de entrada á comunidade de visitantes máis aló das tempadas vacacionais habituais.

 

Para iso deseñaron un amplo programa de actividades que inclúe a celebración dun  workshop como punto de encontro entre os operadores e as axencias especializadas en turismo activo e os representantes dos destinos que participan na feira. Estes últimos poderán coñecer así as propostas dos catro maioristas presentes na cuarta edición de Sportur Galicia: Portugal Green Walks, Galicia Holiday, Evasiona e Inturismo.

 

Ademais, o programa de actividades de Sportur inclúe un espazo de exposición coa participación dunha trintena de empresas e entidades de ámbitos tan diversos como as axencias de viaxes, os albergues, os ximnasios, a alimentación saudable, o coidado persoal, as federacións e clubs deportivos, as marcas de equipamento deportivo, as tendas especializadas e o turismo termal.

 

Así mesmo, os asistentes a este salón do turismo activo e deportivo poderán gozar dun programa de actividades deportivas que inclúe un simulador de tiro virtual, quendas de remo indoor, exhibicións de hóckey, atletismo e talleres de ciclismo, entre outras. O apartado formativo de Sportur articularase ao redor das xornadas técnico profesionais que reunirán a máis dunha decena de relatores procedentes do mundo da práctica e o asociacionismo deportivo.

 

Sportur está organizado por Expourense co apoio da Secretaría Xeral para ou Deporte, a Axencia Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense, e coa colaboración do  Concello de Ourense. Tamén o Agrupación industrial Turismo de Galicia achega o seu gran de area á organización como membro do comité asesor.