Dende a semana pasada xa se pode utilizar o bono turístico da Xunta. Os bonos pódense cambiar en máis de 400 establecementos galegos (axencias de viaxes, hoteis, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos turísticos, establecementos de turismo rural e albergues consistentes nunha estancia mínima dunha noite) e poderán gozar de ata 300 euros de desconto.
Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, e Ana Méndez, directora xerente de Galicia Calidade, visitaron o hotel O Semáforo (establecemento adscrito ao programa e dirixido por Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia) para animar a todos os usuarios a canxear os seus vales para gozar de Galicia fóra da tempada alta.
Un ano máis, e xa van 4, a campaña resultou ser un éxito. Descargáronse 16.666 vales, esgotándose en só quince días. Unha das novidades deste ano foi que cada usuario puido descargar ata dous bonos.
Merelles lembrou que esta iniciativa consegue inxectar liquidez ás empresas do sector turístico galego e contribúe a dinamizar a actividade na temporada media e baixa. “Nestes catro anos puxemos en circulación máis de 47.000 bonos e mobilizamos máis de 14 millóns de euros”, sinalou.
As empresas interesadas poden adherirse á iniciativa ata o 24 de decembro a través da páxina bonoturismo.gal