O Clúster promove o turismo cara a Galicia desde Canarias con senllos workshops nas Palmas e Tenerife

ACTIVIDADES

O Clúster promove o turismo cara a Galicia desde Canarias con senllos workshops nas Palmas e Tenerife

Aínda queda algunha praza dispoñible para as actividades que se desenvolverán os días 10 e 11 de maio.

 

O Clúster Turismo de Galicia ponse en marcha de novo para establecer lazos con outros territorios e animar aos responsables das empresas turísticas galegas a que compartan as súas propostas cos outros profesionais e axencias estimulando así a chegada de novos visitantes a esta terra. Farao esta vez nun destino turístico de referencia, pero con gran potencial para converterse tamén nun emisor de turistas con destino a Galicia. As Illas Canarias acollerán os dous workshops organizados para o próximo mes de maio polo Clúster coa colaboración da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia.

 

As citas serán nas dúas principais cidades do arquipélago canario: o martes 10 de maio nas Palmas de Gran Canaria e o mércores 11 en Santa Cruz Tenerife, e en ambos os casos o programa consistirá nun workshop que reunirá a empresarios turísticos galegos con responsables de axencias de viaxes locais, un acto institucional no que será proxectado un vídeo promocional de Galicia, unha degustación tipo cóctel preparada por representantes do sector gastronómico galego e un sorteo de estancias en Galicia entre os profesionais canarios participantes.

 

O Clúster habilitou un total de 25 prazas para os empresarios galegos, que serán repartidas por sectores: axencias de viaxes maioristas, hoteis, outros aloxamentos e empresas de oferta complementaria. Aínda queda algunha praza dispoñible e o prazo para anotarse finaliza o mércores 13 de abril, ás 14 horas. Os interesados en participar na viaxe poden recibir máis información e solicitar a súa inscrición a través do formulario habilitado na páxina web do Clúster: https://clusterturismogalicia.com/eventos/inscripcion-workshops-las-palmas-y-tenerife-martes-10-y-miercoles-11-de-mayo-de-2022/