O turismo de xardíns en Galicia gaña peso coa súa incorporación ao Itinerario Europeo de Xardíns Históricos

O turismo de xardíns en Galicia gaña peso coa súa incorporación ao Itinerario Europeo de Xardíns Históricos

Con nove recintos Galicia convértese no territorio que concentra maior número de espazos incluídos na rede.

 

O inmenso e espectacular patrimonio floral que atesoura Galicia segue sumando recoñecementos e consolidando esta terra como un destino imprescindible para os amantes do turismo de xardíns. A asemblea xeral do Itinerario Europeo de Xardíns Históricos celebrada o pasado día 6 en Lloret de Mar serviu para facer oficial a incorporación a este organismo de nove recintos situados en Galicia, o que converte á comunidade no territorio europeo con maior concentración de espazos incluídos na rede.

 

Seis dos nove xardíns que estrean este recoñecemento atópanse na provincia de Pontevedra: os situados nos pazos de Oca(A Estrada), Quinteiro da Cruz (Ribadumia); Quiñones de León (Vigo), Lourizán (Pontevedra) e Rubianes (Vilagarcía de Arousa), ademais do Castelo de Soutomaior. Os tres restantes están situados na provincia dá Coruña: os pazos de Santa Cruz (Vedra) e Mariñán (Bergondo), e a Alameda de Santiago de Compostela.

 

Todos eles están unidos polo denominador común da camelia, flor chegada a Galicia a finais do século XVIII procedente de países como China e Xapón, e que atopou nesta terra as condicións ideais para converterse nun elemento crave da ornamentación de pazos, casas  señoriales, parques e outros xardíns.

 

Coa súa incorporación ao Itinerario Europeo de Xardíns Históricos, os nove xardíns galegos poderán beneficiarse de maior visibilidade no ámbito internacional, de programas de formación e dun mellor posicionamento para optar a fondos europeos.

 

Desde a Xunta explican que o acto celebrado en Lloret de Mar serviu para facer oficial un acordo adoptado a finais do ano pasado. Ademais, durante esa xornada o Itinerario Europeo de Xardíns Históricos recibiu o diploma que acredita a súa condición de Itinerario Cultural do Consello Europeo, paraugas baixo o cal pasan a situarse tamén os nove xardíns galegos. “A certificación do Consello de Europa é unha garantía de excelencia que permite a estes roteiros promover a súa internacionalización e impulsar un turismo de alto valor. Ata o de agora o Itinerario contaba con 31 xardíns situados en oito países: Xeorxia, Alemaña, Hungría, Grecia, Italia, Polonia, Portugal e España”, destacan os responsables do Goberno autonómico.