O sector turístico galego pecha o verán cun nivel de ocupación do 80% e unha estadía media de cinco noites

O sector turístico galego pecha o verán cun nivel de ocupación do 80% e unha estadía media de cinco noites

  • Esta porcentaxe superou o 95% nalgunhas zonas e datas sinaladas.
  • O perfil de turista maioritario é o de orixe nacional pero destaca o incremento de viaxeiros internacionais, que supuxeron o 23% total.
  • Destaca o bo comportamento do turismo rural e a capacidade de atracción do Camiño de Santiago.

O sector turístico galego pecha o verán cun nivel de ocupación do 80%, que nalgunhas zonas e, en momentos puntuais, acadou o 95%. Cómprense así as previsións que se manexaban a principios de tempada e grazas, en boa media, á mellora da climatoloxía no mes de agosto tras un mes de xullo no que o mal tempo repercutiu en cancelacións e unha baixada das reservas de última hora. Son datos da sondaxe realizada polo Clúster Turismo de Galicia esta semana, no que as fontes consultadas apuntan tamén a unha estadía media de cinco noites.

 

Os profesionais do sector destacan tamén o crecemento do turista internacional, que acada unha porcentaxe do 23%, aínda que o perfil maioritario nesta época segue sendo o do viaxeiro nacional, que supón o 75% do total.

 

O sector coincide no bo comportamento do turismo rural, especialmente no mes de agosto, no que algúns establecementos colgaron o cartel de completo. O Camiño de Santiago continúa a ser un dos principais reclamos para visitar Galicia, especialmente polo turista estranxeiro. Estados Unidos, Italia, Alemaña e Portugal son os principais emisores de peregrinos a nivel internacional e Andalucía, Madrid e a Comunidade Valenciana a nivel nacional.

 

Prezos

Respecto aos prezos, durante o mes de agosto, os hoteis de 5 estrelas son os que rexistraron prezos máis elevados, superando en momentos puntuais os 240 euros; os hoteis de 4 estrelas alcanzaron prezos máximos de 150 euros por noite, mentres que os de unha estrela situáronse próximos aos 70 euros.

 

Nas pensións, as de 3 estrelas son as que rexistras prezos máis elevados, entre os 75 e os 95 euros, mentres que os custos medios por noite situáronse entre os 60 e os 75 euros para as pensións de 1 e 2 estrelas. Nos cámpings, o custo por noite situouse en torno aos 40 euros para os cámpings de primeira categoría, os de segunda categoría variaron entre os 70 e os 270 euros.

 

No caso dos albergues, en función da categoría, os prezos máis baixos estiveron en torno aos 16 euros con picos de ata 76 euros. No turismo rural as cifras oscilaron entre os 40 e os 100 euros para a maioría de establecementos, aínda que en datas sinaladas e determinados tipoloxías de establecementos como as casas reitorais, os prezos aumentaron ata os 250 euros.

 

Previsións por zonas

En canto ao balance por zonas, os hoteis da cidade da Coruña  cifran a ocupación nun 85% en xullo e nun 92% no mes de agosto, superando os datos do pasado verán, grazas sobre todo ao éxito dos eventos e concertos que tiveron lugar na cidade ao longo do verán. O turismo internacional tamén rexistrou un notable crecemento, sobre todo o procedente de Francia.

 

Na Costa da Morte as cifras de ocupación mantivéronse en torno ao 80% cun crecemento do turista internacional, especialmente o procedente de Italia e de Corea, que pode chegar a situarse en torno ao 20%.  Tamén se acadaron datos positivos para o Camiño de Fisterra Muxía, mantendo a tendencia crecente desta Ruta Xacobea nos últimos anos.

 

En Santiago de Compostela as fontes consultadas sinalan un nivel de ocupación superior ao 80%, ademais dun leve crecemento do turista internacional, sobre todo do procedente de Estados Unidos e de Alemaña.

 

En Ferrol e comarca a ocupación acadou o 80% no mes de xullo e o 95% en agosto. Nesta zona o mercado principal é o nacional, aínda que o internacional experimentou un lixeiro crecemento, cun preso crecente do Camiño Inglés e do turismo de surf.

 

En Sanxenxo, as fontes consultadas sinalan que no mes de agosto practicamente colgaron o cartel de completo e destacaron o crecemento de turistas internacionais, especialmente os procedentes de Portugal. Ademais, prevén un bo mes de setembro xa que se están a constatar un bo ritmo de reservas, especialmente, durante a primeira quincena.

 

Na provincia de Ourense a ocupación rexistrou o 85% previsto, ademais, superáronse as cifras de visitantes do ano pasado. De cara a setembro agárdanse datos tamén positivos de ocupación e visitas.

 

A Ribeira Sacra a ocupación acadou unha porcentaxe media do 81%, con picos de ata o 93%  no mes de agosto. Aínda que o turismo segue a ser maioritariamente nacional, crece o turismo internacional crece con respecto ao ano anterior, sobre o procedente de Francia e Portugal.