Entre o 22 e o 24 de outubro celebrarase a 7ª edición do Congreso Nacional de Ecoturismo no Xeoparque da Costa Vasca (Geoparkea Euskal Kostaldea).
O Congreso Nacional de Ecoturismo xurdiu como unha iniciativa proposta pola Asociación Ecoturismo en España á Secretaría de Estado de Turismo e ao Organismo Autónomo Parques Nacionais en 2016, ante a necesidade de sentar as bases e criterios para un adecuado desenvolvemento do ecoturismo no noso país con todos os actores implicados, e asegurar que este produto contribúe ao desenvolvemento sostible local e á conservación da natureza. Nas súas sucesivas edicións, o Congreso Nacional de Ecoturismo serviu para realizar un seguimento das necesidades do sector e para avaliar de forma continua as actuacións de impulso que acometen os actores implicados, de forma que se sumen esforzos para impulsar o produto Ecoturismo en España.
O congreso está dirixido a profesionais implicados no produto e na xestión dos destinos de ecoturismo, é dicir, xestores locais das administracións públicas, xestores de espazos protexidos, empresas do sector turístico e medios de comunicación vinculados ao ecoturismo.
As preinscricións dan comezo o 3 setembro. As prazas están limitadas e suxeitas a un proceso de selección por parte da organización, en función dos criterios de participación que definiron. A inscrición ten un custo de 80€, sendo unha parte deste importe destinado a un proxecto de conservación da natureza no Xeoparque da Costa Vasca.
Na páxina web do congreso poderedes consultar o programa desta edición, realizar a preinscrición e consultar outros datos de interese do congreso, como a súa sostibilidade e recomendacións de aloxamento na contorna.