Madrid foi o escenario onde Galicia reafirmou a súa posición como referente turístico sostible. Na terceira edición dos premios outorgados pola revista Viajar, Galicia foi galardoada como o “Destino Sostible do Ano”. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, foi o encargado de recoller o recoñecemento durante un evento celebrado no Hotel Ritz, destacando a aposta da comunidade por un modelo turístico sostible e auténtico.
A sostibilidade é un dos piares turísticos de Galicia. Un enfoque estratéxico que busca consolidar á rexión como un destino que respecta a súa contorna natural e cultural, ao mesmo tempo que reforza o seu atractivo para os visitantes.
Na entrega, Merelles destacou o bo momento que atravesa o turismo galego, que medra a un ritmo superior á media nacional. Segundo os datos recentes do INE, en novembro Galicia experimentou un incremento do 11,2% das noites rexistradas, e un aumento do 10,8% dos viaxeiros aloxados.
Este galardón consolida a Galicia como un exemplo de turismo sostible e reforza a súa proxección internacional como un lugar único para gozar de experiencias responsables e auténticas.