O Pazo de Goiáns, en Boiro, acolleu o pasado mércores a I Gala do Turismo Barbanza Arousa, nun evento no que foron entregados ata 36 diplomas SICTED (do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) a empresas, servizos e emprazamentos da comarca.
O destino Barbanza Arousa, conformado polos municipios de Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, adheriuse ao proxecto SICTED neste 2023. Desde que comezou o seu percorrido co proxecto, adheríronse un total de 41 servizos turísticos, dos cales finalmente 36 conseguiron presentarse ao comité de avaliación. A mancomunidade foi destacada nunha das publicacións da Secretaría de Estado de Turismo cunha mención especial ao destino Barbanza Arousa como caso de éxito a nivel nacional na implantación deste selo.
No evento participaron Pedro Blanco, Delegado do Goberno en Galicia; María Rivas, Subdelegada do Goberno en Coruña; Gonzalo Trenor, Delegado da Xunta de Galicia en Coruña; Xosé Regueira, Vicepresidente da Deputación da Coruña e Deputado de Turismo; José Ramón Romero, presidente da Mancomunidade e alcalde de Boiro; Luís Pérez, alcalde de Ribeira; José Carlos Vidal, alcalde da Pobra do Caramiñal; Julián Bustelo, alcalde de Rianxo; Cesáreo Pardal, Presidente do Clúster de Turismo; Fátima Cachafeiro, Xerente da Mancomunidade; técnicos e técnicas da Mancomunidade e dos Concellos; asociacións empresariais e empresas certificadas.
O presidente do CTG recoñeceu á mancomunidade e aos empresarios e servizos turísticos destas comarcas pola súa implicación coa iniciativa SICTED. “A entrega destes novos certificados SICTED pon de manifesto que imos na senda correcta e anímanos a seguir traballando nesta aposta pola calidade turística coa que nos recoñecen dentro e fóra das nosas fronteiras”, engadiu Pardal durante a súa intervención.
A I Gala do Turismo pode visualizarse completa a través da canle de YouTube do destino Barbanza Arousa.
36 distincións
As empresas, servizos e emprazamentos turísticos distinguidos polo seu compromiso coa calidade turística foron: A Pousada da Galiza Imaxinaria, Adega Entre Os Ríos, Aldea Os Muíños, Casa Rural Laxido, Casa da Posta do Valmaior, Hotel Rural Entre Os Ríos, O Cruceiro, Os Petroglifos, Apartadiño, Hostal Los Trillizos, Café Ágora, Casa O Soqueiro, La Casita de la Playa, Centro Arqueolóxico do Barbanza, Fundación Museo de Artes del Grabado a la Estampa Digital, Museo Valle-Inclán, Club Náutico Boiro, Club Náutico Deportivo Barraña de Boiro, Marina Pobra, Curral do Marqués, Nojira, Pazo Torre Xunqueiras, Restaurante Chicolino, Restaurante Sisal, Galicia Guiada, Oceanic Arousa Tours, Oficina de Turismo da Pobra do Caramiñal, Oficina de Turismo de Boiro, Oficina de Turismo de Rianxo, Oficina de Turismo do Malecón (Ribeira), Praia da Lombiña-Cabío, Praia de Coroso, Praia Os Ares, Taxi nº7 Boiro, Taxi nº5 Boiro e Vértigo Aventura.