A Ruta do Viño Rías Baixas acaba de incorporar dous novos asociados: 1730 Tenda Adega Finca de Maza e a adega Lagar da Cachada, ambas as situadas en Cambados. Segundo destaca o presidente da Ruta, Juan Gil de Araújo, os novos socios “tiveron que superar unha auditoría para poder formar parte da nosa listaxe de socios que garante que os servizos que ofrecen aos visitantes é da máis alta calidade”.
1730 Tenda Adega Finca de Maza é un lugar de encontro entre amantes do viño Albariño Rías Baixas e a arte galega. Situada na Praza de Fefiñanes, no corazón de Cambados, o cliente pode gozar dunha copa de viño da marca Porta da Baía mentres contempla cadros e esculturas de distintos artistas galegos. Fundada en 1730, polo seu establecemento pasaron obras de Castelao, José Milares, Manolo Paz….
Pola súa banda, a adega Lagar de Cachada é unha empresa familiar situada no Val do Salnés, concretamente no lugar de Vilariño (Cambados). Fundada por Ricardo Abal Padín no ano 2000 e amparada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Lagar de Cachada leva varios anos apostando polo enoturismo e crecendo en número de visitantes grazas ao seu esforzo e á súa colaboración con axencias de viaxes e hoteis. Nas súas visitas, o enoturista pode gozar de todo o proceso de elaboración dos seus viños e finalizar cunha degustación, acompañada por conservas galegas da máxima calidade.