O Consello da Xunta aprobou a declaración de tres novas festas de interese turístico de Galicia que acreditaron o seu valor cultural, arraigamento e singularidade. Trátase da Feira do Butelo da Fonsagrada, en Lugo; a Festa do Caldo Galego de Mourente, en Pontevedra; e a Semana Santa de Santiago de Compostela. Co seu recoñecemento, Galicia conta xa con 141 festas de interese turístico. Delas, 120 son festas de interese turístico de Galicia, 12 de interese turístico nacional e 9 máis son de Interese Turístico Internacional. A declaración faise tras a valoración favorable das solicitudes presentadas polos concellos da Fonsagrada, de Santiago de Compostela e pola asociación de veciños O Castro de Santa María de Mourente de Pontevedra por parte do Consello Galego de Turismo.
A Semana Santa de Santiago de Compostela, coa súa orixe no século XVI, desenvólvese nun marco recoñecido pola Unesco como patrimonio mundial e meta dunha das peregrinacións relixiosas e dun dos movementos culturais máis importantes: o Camiño de Santiago. A celebración conta con 17 procesións, 13 confrarías e máis de 5.000 confrades implicados. Pola súa banda, tanto a Feira do Butelo da Fonsagrada como a Festa do Caldo Galego de Mourente teñen un compoñente gastronómico, a segunda motivación pola cal os turistas elixen visitar Galicia. En ambas as citas, os protagonistas son produtos típicos e procesos de elaboración e conservación tradicional transmitidos por vía oral de xeración en xeración. Neste sentido, contribúen á difusión deste patrimonio e á posta en valor dos produtos agroalimentarios da Comunidade.
Esta declaración é un reforzo na promoción que o Goberno autonómico leva a cabo nas súas diversas accións en diferentes países e nas 40 feiras do sector turístico en que participa cada ano, moitas delas a nivel internacional. O tres festas recoñecidas hoxe teñen lugar entre o inverno e as primeiras semanas da primavera, o que contribúe á desestacionalización da demanda, un dos obxectivos marcados na citada Estratexia do turismo de Galicia 2020. Precisamente no primeiro trimestre deste ano, durante o que tiveron lugar este tres festas, o número de turistas na Comunidade subiu un 7% ata superar os 636.000 e as súas noites creceron un 10%, ata preto dos 1,2 millóns.