Navarra é unha das rexións predilectas para facer escapadas gastronómicas, Aragón é o destino máis reservado para visitar parques temáticos mentres que a Comunidade Valenciana destaca en deportes e aventuras, por exemplo. Pero que busca o viaxeiro que fai unha escapada rápida a Galicia? O portal de reserva de estancias curtas Weekendesk destaca que o noso territorio é elixido pola súa oferta de turismo lúdico. Xunto con Cataluña é o destino de casinos por excelencia.
Segundo este mapa de actividades temática por autonomías, á hora de elixir unha rexión para unha escapada de fin de semana os viaxeiros adoitan identificar a cada unha delas cun tipo de actividade en concreto e, de acordo coas conclusións deste estudo, Cataluña e Galicia son os destinos máis buscados para os afeccionados aos xogos de azar. No último ano, as reservas de viaxes vinculadas aos xogos de azar creceron un 8%, sendo a comunidade catalá o destino de casinos en España por excelencia cun 76% das vendas de escapadas con esta actividade seguido de Galicia, que se sitúa como unha das rexións favoritas dentro do turismo lúdico con un14% das escapadas sobre esta temática, a maior parte das reservas no casino da Toxa.
Outras temáticas
Para quen viaxan cunha motivación gastronómica, visitando adegas, participando en degustacións ou catas de queixos, Navarra é un dos destinos máis demandados para vacacións “tasting” ao concentrar o 19% do total de reservas do territorio español, seguido de Castela e León como un destino culinario de gran demanda, co 18% e A Rioxa, destino por excelencia do enoturismo, que concentra o 10% das reservas de escapadas vitivinícolas de todo o país.
Os parques temáticos consolídanse como unha das opcións de lecer favorita tanto para as familias como para as parellas e Aragón figura como un referente neste tipo de plans. Reúne o groso das reservas (27%), séguelle Andalucía (14%), Cantabria co 12% das reservas e Murcia mentres que os máis activos prefiren dedicar cada vez máis as súas escapadas de fin de semana a destinos que lles ofrezan natureza e, sobre todo, aventuras. Este tipo de plans manteñen un crecemento de 3,5% e gañan terreo as rutas en bicicleta, os deportes extremos (incluíndo os de inverno), o golf e actividades acuáticas. Nesta alternativa, a Comunidade Valenciana concentra o 9% do total das escapadas, seguida de Cataluña, Navarra, Baleares e Canarias, mentres que Madrid concentra boa parte das eleccións daqueles que buscan o turismo cultural.