O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo lanzou unha campaña de promoción de destino baixo a lema “Sanxenxo Volve”, co obxectivo de fortalecer a imaxe de Sanxenxo como destino turístico seguro e de excelencia e como líder do turismo vacacional do norte peninsular. A aposta do CETS segue a máxima da cooperación público-privada sumando o esforzo privado para a recuperación da confianza do viaxeiro ao público, porque “Sanxenxo volve con máis ilusión, con máis calidade e con máis seguridade que nunca?, explica o presidente do CETS, Alfonso Martínez, e faio reforzado para seguir sendo o destino de sol e praia por excelencia de Galicia.
O empresariado de Sanxenxo asume na súa totalidade o esforzo desta campaña, que se desenvolverá até fin de mes de forma exclusivamente dixital para trasladar a mensaxe de que Sanxenxo, igual que Galicia, volve e faino “con máis medidas de seguridade e con máis selos de calidade”, afirma Martínez.
Os diferentes banners que compoñen a campaña publicaranse nos principais medios de comunicación de Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid e Portugal e apuntarán cara a Turismo de Sanxenxo, a web do Consello de Sanxenxo que agrupa todos os recursos turísticos do municipio co obxectivo de que a promoción se faga do destino no seu conxunto. Neste sentido, Alfonso Martinez destacou a importancia que o Consorcio lle dá á cooperación público-privada, sumando así o esforzo do sector privado á promoción do destino e os seus diferentes atractivos turísticos para o seu gozar todo o ano.
A elección dos espazos nos que se publicarán os banners obedece aos principais mercados de proximidade dos que adoitan proceder os viaxeiros que elixen Sanxenxo como destino, na súa maioría de procedencia nacional (70%) e do país veciño. Aínda que moitos destes viaxeiros están moi fidelizados co destino Sanxenxo, nun verán tan atípico como o actual no que serán moitos os destinos que orienten as súas accións promocionais a eses mesmos mercados potenciais, o empresariado turístico de Sanxenxo considera que é necesario facer un esforzo extra de promoción e para iso decidiron unir forzas coa iniciativa da Xunta, que lanzaba a comezos de verán a campaña “Galicia Volve”.
Así, contando co apoio da Consellería de Cultura e Turismo e do Concello de Sanxenxo, o Consorcio desenvolverá esta campaña exclusivamente online nas webs con máis tráfico de España e Norte de Portugal co obxectivo de estar presente na mente dos viaxeiros.