Galicia continúa en Zurich a promoción do Xacobeo 21-22

ACTIVIDADES

Galicia continúa en Zurich a promoción do Xacobeo 21-22

O Clúster Turismo de Galicia exerce de embaixador do Camiño na cidade suíza no marco da xira de presentacións que realiza Turismo de Galicia.

 

O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, xunto co director de Administración e RR. Amigos do Camiño de Santiago da Xunta, Ildefonso de la Campa,  participou hoxe na presentación do Camiño de Santiago en Zurich. O encontro forma parte da rolda de presentacións do Xacobeo 21-22 que está a realizar a Axencia autonómica a nivel internacional.

 

Tras as presentacións de Portugal, Italia e Francia, Suíza é o cuarto país europeo no que se desenvolve este acto para poñer en valor a celebración deste Xacobeo especial e presentar un dos principais alicientes de Galicia como destino turístico.

 

Na súa intervención o presidente do Clúster destacou que “Galicia e as súas xentes afixéronse a recibir visitantes desde a Idade Media e esta acumulación de coñecemento deu como resultado un destino preparado, acolledor e altamente especializado nun tipo de turismo pausado, non masificado e con inquietudes espirituais e culturais.”

 

Cesáreo Pardal sinalou, tamén, que o Camiño de Santiago constitúe neste momento “o mellor aceno de identidade para o turismo de Galicia e que as especiais circunstancias da pandemia levaron a prolongar o Xacobeo 2021 tamén a este ano 2022, ampliando as posibilidades de gozar deste acontecemento un ano máis”

 

Ademais, o presidente do Clúster puxo en valor as múltiples posibilidades que ofrece Galicia como destino: “Praias, bosques, termalismo, patrimonio e gastronomía son puntais dunha oferta turística con experiencias únicas para o viaxeiro”.  Neste sentido, recordou que Galicia alberga experiencias para múltiples perfís de viaxeiros, desde os que se decantan polo turismo de mar, aos que prefiren o turismo rural, termal, patrimonial ou o turismo de reunións, convencións e congresos.

 

A todo isto engádese o esforzo  que está realizar o sector, en colaboración coa Administración, a través da Axencia de Turismo, para consolidar un destino sustentable que preserve os espazos naturais e sexa motor das economías locais.

Pola súa banda, Ildefonso de la Campa puxo en valor a tradición cultural existente entre ambos países, remarcando que hai testemuños dos viaxes a Santiago de Compostela dende Suíza do século XV, cando un monxe alemán saíu do mosteiro de Einsedeln na procura da tumba do Apóstolo, percorrendo o xa coñecido como Camiño Alto, ao tempo que fixo fincapé na importancia do Camiño e na celebración do Xacobeo 21-22 como motor para a recuperación espiritual e económica non só de Galicia, senón de todos os territorios polos que pasan os Camiños.

 

Por último, destacou as bondades da nosa terra, alentando a “descubrir os seus máis de 1.500 km de costas e as súas 700 praias, as súas augas termais, valoradas desde a época Romana polas súas propiedades beneficiosas e, por suposto, a súa enogastronomía como algúns dos seus múltiples reclamos que nos converten nun destino perfecto”.