Máis de cen persoas participaron a semana pasada no congreso de expertos organizado polo GDR Condado-Paradanta en colaboración coa Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA), con motivo da celebración da sexta Xornada Europea de Patrimonio Termal. Esta cita converteu ao municipio de Mondariz-Balneario no epicentro do termalismo no Día Europeo do Patrimonio Termal.
O Día Europeo do Patrimonio Termal é un evento anual establecido polo Comité Científico da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas para poñer en valor o patrimonio termal e sitúalo no panorama turístico. Desde a súa posta en marcha, esta foi a primeira vez que se escolle Galicia para celebrar as actividades, coincidindo co 150º aniversario de Mondariz-Balneario.
Nesta conmemoración, que se celebrou do 11 ao 13 de outubro, participaron diferentes representantes, profesionais e asociacións europeas ligadas ao termalismo, compartindo as súas experiencias e coñecementos. Entre eles atopábase o propio Mondariz-Balneario, Caldas da Rainha de Portugal, Spa de Bélxica e Saratoga Springs de Nova York. Ao longo destas xornadas realizáronse variedade de actividades, obradoiros, percorridos, visitas guiadas e teatralizadas, ademais do congreso de alcance europeo.
Entre todos os asistentes, autoridades e expertos, estivo o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o alcalde de Mondariz-Balneario, César Gil; e o presidente do GDR, Pablo Castillo.
Merelles destacou a gran capacidade de crecemento do turismo termal para dinamizar economicamente o rural galego. Só o ano pasado este tipo de turismo xerou 150.000 turistas e algo máis de medio millón de noites, tanto por parte de visitantes galegos como do resto de comunidades autónomas. Trátase dun sector que chega a duplicar o gasto medio xeral do resto do sector turístico.