Profesionais procedentes de diferentes ámbitos do sector turístico participan esta semana nunha iniciativa de Proturga para analizar e pór en valor os diferentes itinerarios do Camiño de Santiago, Facedo Camiño. No marco do seu proxecto “O Teu Xacobeo”, Proturga vén desenvolvendo desde o pasado mes de novembro diferentes xornadas con profesionais do sector que sirvan como viaxes de familiarización para achegar coñecemento e mellorar as capacidades destes profesionais como futuros prescriptores do Camiño de Santiago.
Tras as xornadas celebradas en torno ao Camiño Inglés e Portugués, este mes de xaneiro é a quenda para o Camiño Portugués pola Costa, que se desenvolve o 16 de xaneiro a través dun programa que comezará en Baiona con visita ao centro histórico e á Casa da Navegación para posteriormente trasladarse á veciña Oia e gozar do seu mosteiro. Xa pola tarde realizarase o traslado á localidade portuguesa de Caminha, tomando o transbordador até A Guarda para camiñar despois seguindo os ritmos do mar.
O obxectivo é poder ver a riqueza e variedade da zona como oferta turística complemetaria para o camiñante e poder estudar un camiño que experimentou un meteórico incremento de peregrinos nos últimos anos. Para finalizar a xornada, os profesionais do turismo participantes, chegados desde diferentes ámbitos (aloxamento, restauración, axencias de viaxe, guías de turismo, técnicos de turismo, persoal de oficinas de turismo e consultores, entre outros) porán en común apreciacións, destacando os puntos fortes e tamén aqueles aspectos a mellorar.
Até maio seguiranse realizando estas viaxes de familiarización en 10 tramos das 10 rutas que compoñen o Camiño de Santiago. Nestas viaxes participarán profesionais do turismo de Galicia que coñecerán in situ o produto estrela da comunidade e analizarán o estado do trazado e dos recursos e servizos en cada unha das rutas no marco do programa O Teu Xacobeo, financiado pola Xunta de Galicia.