Tres actividades previstas para os próximos días permitirán aos profesionais do sector abordar cuestións como as ameazas cibernéticas ou o tratamento dos datos persoais.
O uso crecente das novas tecnoloxías no ámbito turístico provocou a aparición de novos retos para os profesionais do sector en eidos como a ciberseguridade e a privacidade. Para resolver os seus interrogantes e dúbidas respecto diso, no marco do espazo GaiásTech e de Ciber.gal (o nodo creado polas administracións públicas galegas e o sector privado para aproveitar as oportunidades da era dixital e facer fronte á ameaza dos ciberataques), foron programados tres cursos monográficos que serán impartidos nos próximos días.
O primeiro deles terá lugar o mércores 8 de xuño nas dependencias da Deputación da Coruña e será impartido por persoal de APDTIC, consultora especializada en dereito das tecnoloxías da información e a comunicación. A xornada estará dedicada á Seguridade e privacidade no sector turístico e centrarase na normativa e os aspectos que deben ter en conta as entidades, axencias e operadores turísticos á hora de tratar os datos persoais dos viaxeiros que manexan diariamente. André Castelo, socio director en APDTIC, impartirá a sesión. Poderase participar tanto presencialmente como en liña e en ambos os casos é necesario inscribirse previamente. Máis información en https://bit.ly/3apkwrS
Un día despois, o xoves 9, será a Deputación de Pontevedra a que acollerá unha xornada dedicada á Ciberseguridade no sector turístico e lecer. Neste caso serán Ramón Suárez, ceo de iVigo.es, e o consultor en ciberseguridade Arán Feijoo os encargados de explicar aos participantes cales son as ciberamenazas ás que están expostas as empresas do sector e que medidas poden adoptar para facerlles fronte. A sesión está dirixida a autónomos, pemes e micropemes e será impartida tamén en dobre formato: presencial e en liña. Máis información en https://bit.ly/3GJCb9N
A terceira xornada sobre seguridade no sector turístico desenvolverase o 15 de xuño e a diferenza das dúas anteriores, será exclusivamente en formato en liña. Como concienciar ao persoal sobre a ciberamenaza existente? O factor humano como clave da ciberseguridade é o título desta sesión organizada coa colaboración da Deputación de Ourense e que será impartida por Diego Estévez García, da consultoría xurídica ADENDA. Está dirixida a profesionais e directivos de pemes e micropemes, e a autónomos interesados en coñecer as necesidades e vantaxes de empregar medidas de ciberseguridade. Máis información en https://bit.ly/3tfmNMF