O Concello e a Deputación de Ourense impulsan coa colaboración da Universidade de Vigo o Hackathon – Laboratorio de Ideas e Innovación.
O prazo para inscribirse neste proxecto, aberto a estudantes, profesores e outras persoas interesadas no desenvolvemento turístico, estará aberto ata o 26 de setembro.
As actividades desenvolveranse ata mediados de outubro e as mellores propostas repartiranse case 4.000 euros en premios.
Os retos do sector turístico tamén poden afrontarse desde a innovación e a través das posibilidades que ofrecen a dixitalización e as novas tecnoloxías. Baixo esta premisa e co obxectivo de levala á práctica na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal o Concello de Ourense e a Deputación de Ourense impulsan coa colaboración da Universidade de Vigo(Campus de Ourense) e doutros actores como a Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, os municipios portugueses de Vilanova de Famalicâo, Melgaço e Paredes de Coura e a Universidade de Minho o Hackathon – Laboratorio de Ideas e Innovación 2022.
Trátase dun encontro aberto á participación de calquera persoa maior de idade, tanto estudantes como profesores ou calquera outra persoa que teña un interese directo ou indirecto en contribuír ao desenvolvemento turístico do territorio, que resida en Galicia ou o Norte de Portugal e que teña ganas de compartir ideas e expor solucións. Participarán en grupos de entre 3 e 5 membros que poderán ser conformados polos propios interesados inscribíndose como equipo ou formados pola organización con aqueles participantes que se anoten de maneira individual.
Os tres eixos sobre os que traballarán serán a promoción do valor do patrimonio natural e cultural da Eurorrexión, a mellora do potencial de retorno económico sobre o territorio dentro dun marco sostible e a integración da tecnoloxía e a creatividade nas experiencias turísticas. Os proxectos deberán estar centrados nun ou varios dos elementos diferenciadores do territorio, como o termalismo, as denominacións de orixe, o entroido, a Ribeira Sacra, a Catedral de Santiago, O Courel ou as Pasarelas do Paiva, entre outros.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 26 de setembro. Os días 27 e 28 deste mes procederase á selección dos participantes e do 29 de setembro ao 7 de outubro desenvolverase a fase de titoría e desenvolvemento. A selección dos finalistas será realizada os días 8 e 9 de outubro e a fase presencial da final deste Hackathon está prevista para o 14 e o 15 dese mesmo mes. Os mellores proxectos repartiranse case 4.000 euros en premios: 2.000 euros para o gañador, 1.000 para o segundo, 500 para o terceiro e 300 euros para o cuarto.