Esta semana arranca a campaña de comunicación e promoción dixital do Xacobeo Xove, unha iniciativa da Axencia Turismo de Galicia en colaboración co Clúster Turismo de Galicia, a Asociación de Viaxes de Galicia (AGAVI), a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA), a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (AVIPO), e a Consellería de Política Social e Xuventude.
Este programa permite desfrutar dun desconto de 200 euros en servizos vinculados ás Rutas Xacobeas. O custo da totalidade da viaxe debe ser, sen o desconto, como mínimo de 300 euros. É dicir, para obter a axuda os beneficiarios deben achegar un cofinanciamento de, cando menos, 100 euros. As viaxes poderanse realizar entre o 1 de xullo e o 10 de decembro de 2023, sempre e cando a compra do paquete turístico se efectúe antes do 30 de novembro de 2023. As solicitudes atenderanse por orde de compra ata esgotar a dispoñibilidade orzamentaria.
O Xacobe Xove articúlase a través das axencias de viaxe galegas, encargadas de comercializar a experiencia. Ata o momento xa son 17 as axencias adheridas á iniciativa. Podes consultar a listaxe completa nesta ligazón. Se queres dar de alta a túa axencia só debes cumprimentar o formulario que se atopa ao final desta páxina.
A campaña de comunicación e promoción estenderase ao longo dos vindeiros meses, no prazo no que se pode obter o desconto e realizar a viaxe. A iniciativa promoverse principalmente no eido online, a través das redes sociais das entidades colaboradoras baixo o cancelo #ocamiñoéxove, con imaxes e vídeos promocionais para achegar o programa aos clientes finais. A comunicación tamén se desenvolverá o eido offline, coa disposición de paneis publicitarios e a repartición de folletos.
Para calquera dúbida ou cuestión podes consultar a páxina oficial do programa Xacobeo Xove ou contactar dirección de correo xacobeoxove@clusterturismogalicia.com ou no teléfono 881 505 103.