Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte e Costa Sostible escolleron a localidade de Caión para desenvolver a xornada de clausura de Morada Atlántica, proxecto de cooperación interterritorial e transnacional financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e centrado no aproveitamento da cultura mariñeira como elemento de unión, promoción e intercambio entre as diferentes zonas costeiras atlánticas.
Morada Atlántica é unha iniciativa que ten por finalidade a posta en valor da cultura e o patrimonio material e inmaterial mariñeiro empregando como fío condutor a gastronomía. Baixo unha esfera experiencial, emocional e relacional pretende converter a oferta turística nun mercado de emocións singular. Para iso Morada Atlántica incluíu a elaboración dun receitario de cociña atlántica, a creación de ua rede de hostaleiros e a posta en marcha dunha rede de espazos museísticos atlánticos, en cooperación con Portugal, accións que explicou o xerente do GALP Costa da Morte, Guillermo González. “Nnunca pensamos en chegar ao que chegamos con este proxecto, que acaba de comezar e esperamos que continúe crecendo durante varios anos”, explicou. Neste sentido, adiantou que entidades canarias, andaluzas e da Bretaña francesa xa se interesaron en formar parte del.
Mesa redonda
A xornada tamén contou cunha mesa redonda sobre gastronomía, cultura e turismo, na que se abordou a realidade actual da costa atlántica de Galicia e do norte de Portugal expondo as fortalezas e ofrecendo posibles solucións ás cuestións susceptibles de ser melloradas polos profesionais dos diferentes sectores. Nesta parte do acto participaron Antonio Leandro, asesor do presidente do municipio portugués de Ilhavo, Francisco González, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Fernando Agrasar, cociñeiro Estrela Michelín do restaurante As Garzas, José Manuel Vázquez, responsable do Museo da Memoria Mariñeira de Porto do Son, e Marta Valcárcel, blogger especializada en turismo.
A Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, pechou o acto facendo fincapé na “importancia da cooperación para crear os lazos que fagan crecer Morada Atlántica, un proxecto baseado en aspectos importantes e destacados como son a gastronomía, o turismo e a cultura mariñeira atlántica”.