A Consellería de Cultura e Turismo fixo balance da evolución desta tipoloxía de aloxamentos en Galicia desde a súa regulación

A Xunta constata que se trata dunha actividade de pequenos propietarios que non está a xerar incidentes salientables entre clientes nin residentes

Desde a entrada en vigor do decreto que regula as Vivendas de Uso Turístico (VUTs), en Galicia déronse de alta un total de 8.541 vivendas de uso turístico, unha tipoloxía de aloxamento que desde hai dous anos conta cunha regulación específica na nosa Comunidade. O 82% das cales corresponden a pequenos propietarios que comercializan unha única vivenda de uso turístico, cifra que aumenta até o 93% no caso de arrendatarios cunha ou dúas vivendas. Así, só un 7% dos propietarios dispoñen de máis de dous no mercado.

Esta foi unha das cifras máis destacadas do balance que ofreceu a Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia en torno ao desenvolvemento desta actividade que, á vista dos resultados, Galicia está a regular con eficacia e normalidade. Isto, como afirmaron, permite que tanto as persoas que ofrecen estes servizos como as que os contratan poidan facelo con garantías e con total seguridade xurídica para ambos.

A análise efectuada polo Goberno galego mostra a gran dispersión na distribución das vivendas de uso turístico polo territorio, así como a dispersión na distribución da súa propiedade. “Contabilizamos máis de 6.300 propietarios distintos que libremente deciden pór a súa primeira ou segunda vivenda no mercado do aluguer turístico”, reflexionou o titular da consellería, Román Rodríguez, que asegurou que esta evolución garante a convivencia de usos, para o que faculta a concellos e comunidades de veciños a establecer límites se o consideran necesario.

Coordinación administrativa
Neste sentido, Román Rodríguez avanzou a súa vontade de continuar dando pasos, para o que xa trasladou unha proposta á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co fin de facilitar a coordinación das competencias turísticas e urbanísticas exercidas pola administración autonómica e local. Como lembrou, no ámbito de actuación dos concellos están funcións como a de regular os usos a través do seu Plan Xerais de Ordenación Municipal ou constatar a legalidade urbanística.

Do mesmo xeito, a Xunta seguirá demandando maior coordinación a nivel estatal neste campo. Para iso, reclama ao Goberno central marcos normativos nos que poder desenvolver as competencias autonómicas con seguridade xurídica, a unificación de criterios que permitan dar unha resposta común únaa realidade dinámica e en constante evolución, e a xeración de espazos de cooperación nos que poder prever e anticiparse aos rápidos cambios que experimenta, de forma xeneralizada, o sector.

Ante a disparidade de criterios entre comunidades autónomas, o conselleiro apostou por unha harmonización cun marco común mínimo que redunde en beneficio de todos, así como maior colaboración por parte das plataformas de comercialización online. Igualmente, volveu solicitar o establecemento dun sistema que permita medir a cifra de persoas que empregan este tipo de aloxamentos, algo inexistente na actualidade.

Distribución no territorio
Do total de vivendas censadas no Instituto Nacional de Estatística (INE) en Galicia, 1,6 millóns, só o 0,53% terían como finalidade o uso turístico nestes momentos, sendo os concellos con maior presencia deste tipo de aloxamentos, Sanxenxo, que supera as 1.600, seguido de Santiago, con 566 vivendas inscritas, Vigo, con 310, A Coruña con 296 e outros concellos como O Grove, Barreiros, Foz, Cangas ou Poio, todos eles por baixo das 300.
A provincia de Pontevedra é a que conta cunha porcentaxe superior, o 47%, seguida da Coruña (37%), Lugo (13%) e Ourense, que suma unicamente o 3% dos inmobles.

Influencia no sector
Sobre a repercusión no resto do sector, o conselleiro lembrou que as tipoloxías de aloxamento turístico que existían previamente (hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings e turismo rural) están a incrementar o seu volume de viaxeiros. En concreto, no primeiro cuadrimestre do ano recibiron un 3,2% máis de turistas, que realizaron un 5% máis de pasas a noite, co que a subida da ocupación por habitación foi do 6,4%. “Falamos sempre dun crecemento en cantidade, pero sobre todo en calidade”, recalcou o conselleiro, quen aludiu á mellora dos prezos hostaleiros ou ao aumento da rendibilidade empresarial, dun 7,7%.

Finalmente, Rodríguez tamén deu conta da tarefa inspectora desenvolvida nesta área, explicando que a Xunta incorporou as vivendas de uso turístico ao seu plan de inspección co resto de opcións de aloxamento e servizos, actuando principalmente de oficio. En total, incoáronse 53 expedientes, cos cales 30 xa foron finalizados. A maior parte dos casos eran derivados de infraccións tipificadas como graves, en concreto por realizar a actividade de maneira ilegal, sen estar inscritas no rexistro autonómico. Só un grupo reducido motiváronse por incumprir ou alterar as circunstancias que motivaron a autorización para a actividade; efectuar cambios substancias ou non cumprir na prestación dos servizos acordados, ou empregar denominacións, rótulos e distintivos diferentes do fixado na normativa.

02 de Xullo de 2019

O 82% das vivendas de uso turístico en Galicia son dun único propietario que comercializa só un inmoble

A Consellería de Cultura e Turismo fixo balance da evolución desta tipoloxía de aloxamentos en Galicia desde a súa regulación A Xunta constata que se trata […]
02 de Xullo de 2019

Prego de condicións que rexerán a contratación dun servizo para o “deseño e organización dun workhosp en Madrid para a comercialización de Enoturismo Galicia” coa colaboración de Xunta de Galicia e Axencia de Turismo de Galicia.

Aberto prazo para presentar proposta até o 17 de xullo Descarga o prego de condicións
01 de Xullo de 2019

O sector turístico galego avanza boas previsións para a tempada estival que poderían situarse en torno ao 60% de ocupación media

Os profesionais do sector móstranse cautos ao adiantar cifras de ocupación, como consecuencia do cambio nas paradigmas de contratación dos viaxeiros aínda que agardan un verán […]
01 de Xullo de 2019

Prego de condicións que rexerán a contratación dun servizo para o “desprazamento e aloxamento da misión comercial á feira internacional WTM London 2019” coa colaboración da Xunta de Galicia- Axencia de Turismo de Galicia

Prazo aberto para a presentación de propostas até o 16 de xullo Descarga os pregos de contratación