Carmela Silva anunciou a creación do novo galardón na xornada sobre “Boas prácticas en xestión turística” organizada polo Clúster.
A presidenta provincial destacou o traballo desenvolvido polo Clúster Turismo de Galicia como nexo de unión entre o sector e as Administracións públicas.
A sustentabilidade segue gañando peso nas estratexias turísticas do sector e da administración pública, tal como demostra a boa marcha do Club de Produto Galicia Destino Sostible promovido polo Clúster Turismo de Galicia coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia e que suma xa ao redor de 70 membros. Agora, desde a Deputación de Pontevedrapropuxéronse tamén recoñecer o esforzo das empresas que apostan por esta maneira de entender a actividade turística a través dos premios Turismo Sostible Provincia de Pontevedra.
A creación destes novos galardóns foi anunciada pola presidenta provincial, Carmela Silva, o pasado martes no acto inaugural da xornada “Boas prácticas en xestión turística” celebrada en Vilagarcía de Arousa polo Clúster. Carmela Silva explicou que os premios serán entregados na Gala Provincial de Turismo do próximo ano e detallou que nacen co obxectivo de “visibilizar a aposta das empresas da provincia pola sustentabilidade”, recoñecendo as tres mellores propostas impulsadas por entidades turísticas vinculadas á provincia. “Non hai nada que nos permita avanzar máis que ver exemplos de éxito e non haberá éxito se non apostamos por un modelo sostible”, sinalou.
A presidenta da Deputación tivo tamén palabras de recoñecemento cara ao labor que vén desenvolvendo o Clúster: “É obrigado facer un chamamento ao diálogo, a traballar xuntas e xuntos, e ter unha idea común. E podemos presumir de que o Clúster de Turismo foi capaz de establecer esas relacións, tanto co conxunto do sector, como coas Administracións públicas, para impulsar o turismo, esta actividade económica que crea riqueza, emprego, e referencia á provincia de Pontevedra”.