Durante o Día Mundial do Turismo 2023, líderes de todas as rexións do mundo uníronse en torno á determinación compartida de investir no crecemento e na transformación do sector. Este ano a efeméride celebrouse co lema ‘Turismo e investimentos verdes’.
As celebracións oficiais, acollidas no Reino de Arabia Saudí, reuniron a máis de 50 ministros de Turismo e a centos de delegados de alto nivel dos sectores público e privado, ademais dos Estados membros da OMT e partes interesadas do sector turístico de todo o mundo.
O Secretario Xeral da OMT, Zurab Pololikashvili, sinalou a necesidade de que todo o sector intensifique os investimentos en beneficio das persoas, do planeta e da prosperidade. “O turismo debe liderar a aceleración do noso cambio cara a unha maior resiliencia e sustentabilidade. Para iso precisamos máis inversión, e do tipo adecuado”, destacou Pololikashvili.
Explorando na temática do turismo e dos investimentos ecolóxicos, ao longo da xornada do 27 de setembro celebráronse unha serie de paneis de expertos, centrados nas prioridades de investir nas persoas (a través da educación e do emprego); nos destinos (incluídos novos destinos e produtos para reducir a masificación e diversificar as prestacións); na innovación e no espírito empresarial; e na transformación ecolóxica. Estes investimentos prestan un mellor apoio ao cumprimento da Axenda 2023 e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
A xornada, con máis de sete horas de duración, pode visualizarse a través da canle de YouTube da Organización Mundial de Turismo.