A Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, Aventura e Natureza deseñará novos produtos e activará un espazo propio de reservas.
A Xunta de Galicia, representada polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo, Aventura e Natureza (Agetan), entidade presidida por José Luis Fernández Vázquez e que forma parte do Clúster Turismo de Galicia, veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar este sector e contribuír á consolidación de Galicia como destino de natureza e deporte.
O acordo prevé unha axuda autonómica por importe de 150.000 euros para poñer en marcha produtos de turismo activo máis sostibles con accións no ámbito da información, a formación e o asesoramento. Esa achega económica tamén permitirá realizar accións promocionais e activar un espazo de reservas na web www.turismoactivo.gal.
Durante a firma do convenio, Alfonso Rueda explicou que esta modalidade de turismo encaixa co turismo seguro, de calidade e sostible que a Xunta, o Clúster Turismo de Galicia e as tres universidades galegas estableceron como bases do modelo de desenvolvemento do Plan Director 2021-2021 Galicia Destino Seguro. O novo convenio entre a Xunta e Agetan dá ademais continuidade á colaboración que xa realizaron durante o ano pasado no marco tamén do programa Galicia Destino Seguro.
Esta aposta polo turismo activo ten tamén como obxectivo dar resposta á demanda crecente de experiencias que combinen o deporte, o aire libre e a natureza por parte dos visitantes a raíz a pandemia da covid. Galicia dispón nestes ámbitos dun enorme potencial que ademais se pode combinar con outras propostas, como o turismo rural, o termal, o náutico, o enogastronómico e, mesmo, co Camiño de Santiago e a experiencia da peregrinación.