O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou ao sector o proxecto Corredor de Ecoturismo da España Verde, a iniciativa na que participa Galicia xunto ao resto de Comunidades do norte peninsular co que se pretende crear o maior corredor ecoturístico de Europa.
Merelles salientou a oportunidade deste proxecto para que Galicia avance nun modelo turístico sustentable desde o punto de vista social e ambiental. Esta iniciativa ofrecerá experiencias turísticas dentro dos espazos naturais protexidos de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco.
As catro comunidades promotoras deste proxecto, integradas na marca ‘España Verde’, deseñaron un plan de acción que permitirá establecer unha rede de axentes colaboradores no territorio, dar formación a empresas turísticas, así como deseñar e crear experiencias e produtos en modelos verdes e sostibles.
No proxecto poderán participar os espazos naturais protexidos que desexen colaborar, tamén empresas situadas no medio rural e natural vinculadas á observación da fauna, aloxamento, empresas de turismo activo, e empresas que conten coa certificación en sostibilidade que queiran crear paquetes e produtos de ecoturismo. A iniciativa está aberta a axentes locais e ambientais, axencias de receptivo e operadores especialistas en natureza, entre outros.