Os máis 615.000 viaxeiros aloxados durante o mes pasado supoñen o mellor dato da serie histórica do INE.

 

Galicia foi a quinta comunidade que rexistrou mais noites pasadas de residentes españois.

 

As boas perspectivas de ocupación coas que o sector hoteleiro afrontou o mes de xullo cumpríronse en Galicia. Os hoteis da comunidade rexistraron durante o mes pasado un total de 615.150 visitantes, unha cifra que non só supón un importante incremento con respecto aos 498.954 de xullo do ano pasado, senón que lles permitiu superar tamén amplamente os 538.734 do mesmo mes do 2019 (antes da pandemia da covid) e establecer un novo récord na serie histórica da enquisa de ocupación hostaleira do Instituto Nacional de Estatística, que recolle datos desde o ano 1999.

 

Este aumento do número de visitantes aos hoteis galegos traduciuse tamén nun incremento das noites pasadas e nun novo récord: as 1.305.670 rexistradas durante o pasado xullo superan as 1.081.020 do mesmo mes do 2021, as 1.218.281 do 2019 e as 1.267.165 do 2017, o anterior récord da serie histórica do INE.

 

Por provincias, A Coruña encabeza o ranking galego de visitantes nos hoteis, con 276.093 fronte aos 218.893 de Pontevedra, pero a situación invértese en canto ás noites pasadas, posto que os hoteis pontevedreses sumaron 558.917, mentres que os da provincia coruñesa quedaron en 538.712. En ambos os casos as cifras melloran os datos prepandemia de xullo do 2019. Pola súa banda, os hoteis de Lugo sumaron 87.835 visitantes e 145.386 noites pasadas, e os de Ourense, 32.329 visitantes e 62.655 noites pasadas.

 

Os datos feitos públicos polo INE reflicten tamén que a ocupación media dos hoteis galegos foi do 56,8 % durante o mes de xullo, o que sitúa á comunidade trece puntos por baixo da media nacional de ocupación, pero por diante doutros territorios como Madrid, Navarra, Castela e León, Aragón, A Rioxa, Estremadura, Melilla e Castela-A Mancha.

 

Ademais, Galicia é unha das comunidades preferidas polos visitantes españois ao situarse como o quinto territorio con máis noites pasadas de residentes nacionais nos seus hoteis durante o mes de xullo. Só Andalucía, Cataluña, a Comunidade Valenciana e Canarias superaron o número de noites pasadas de Galicia.

24 de Agosto de 2022

Os hoteis galegos bateron o seu récord histórico de visitantes do mes de xullo

Os máis 615.000 viaxeiros aloxados durante o mes pasado supoñen o mellor dato da serie histórica do INE.   Galicia foi a quinta comunidade que rexistrou […]
23 de Agosto de 2022

Convocada unha nova edición do programa Mentoring Traballo Autónomo

Duascentas persoas poderán beneficiarse desta iniciativa da Xunta e a Fundación Ronsel.   Os participantes acudirán a un taller de formación e dispoñerán do asesoramento dun […]
22 de Agosto de 2022

“Repensar o turismo”, lema do próximo Día Mundial do Turismo

A OMT convida a unirse á celebración do 27 de setembro reflexionando sobre a necesidade de apostar por un sector máis sostible, inclusivo e resiliente.   […]
21 de Agosto de 2022

O prazo para optar ás axudas do Club de Produto Galicia Destino Sostible chega ao seu ecuador

O 30 de setembro é a data límite para optar a parte dos 300.000 euros en axudas para a creación de novos produtos.   Unha vintena […]