Novos máximos para o turismo español. Durante 2023, España recibiu un total de 85,1 millóns de turistas internacionais, que realizaron un gasto de 108.662 millóns de euros, segundo os datos do INE. Unhas cifras que confirman as previsións dun ano récord para o turismo español.
Os 85,1 millóns de visitantes estranxeiros supoñen un aumento do 18,7% respecto a 2022 (con 71,7 millóns), e superan nun 1,9% a cifra récord de ata agora 83,5 millóns, acadada no ano previo á pandemia, 2019.
Os principais países de residencia dos turistas que visitaron España foron Reino Unido, Francia e Alemaña. A chegada de turistas residentes de Reino Unido, primeiro país emisor de visitantes estranxeiros en España, aumentou un 14,6% e alcanzou os 17,32 millóns. De Francia chegaron 11,81% millóns, un 17% máis; e de Alemaña 10,80 millóns, un 10,6% máis.
O número de visitantes procedentes de Estados Unidos foi o que máis medrou, nun 38,6%, chegando aos 3,88 millóns de gasto. Entre os maiores incrementos interanuais de visitantes destaca o dos italianos, un 21,2% máis que no 2022, con 4,86 millóns de visitantes.
Cataluña foi a comunidade autónoma que máis turistas recibiu, con 18 millóns de visitantes internacionais. Galicia tamén viviu un 2023 de récord, sen ser ano xacobeo, sumando máis de 7 millóns de turistas: 4.987.990 aloxáronse en hoteis; 350.745 en cámpings; 255.616 en apartamentos turísticos; 200.582 en aloxamentos de turismo rural; e 1.226.236 en albergues, sumando un total de 7.021.236 turistas.
Gasto
No que respecta ao gasto dos turistas internacionais en 2023, os 108 millóns representan un 24,7% máis que o ano anterior (87.061 millóns), e un 18,2% máis que en 2019 (91.912 millóns).
O gasto medio por turista subiu un 5%, colocándose en 1.278 euros, cun desembolso medio diario de 175 euros (un 8% máis).
O país que máis gasto realizou foi Reino Unido, con 19.947 millóns de euros, un 16,3% máis que en 2023. Sigue Alemaña, con 12.972 millóns e un aumento do 12,6%; e Francia, con 9.767 millóns e un aumento do 18,7%.