A Xunta de Galicia estrea campaña de promoción turística do destino Galicia para este 2024, baixo o lema ‘Pídeche Galicia’. En total prevese a publicación de máis dun milleiro de insercións, entre spots de televisión, cuñas e mencións radiofónicas en programas de máxima audiencia e anuncios de prensa. Ademais disto, tamén existirá unha ambiciosa campaña dixital dentro e fóra de España, con máis de 30 millóns de banners publicitarios.
Esta campaña presenta a Galicia como o plan perfecto para desconectar, relaxarse e recargar pilas. Para comunicar isto, represéntanse diversas situacións do día a día, como unha oficina ou sofá, que aparecen descontextualizados no medio dalgunha paraxe natural galega (praias, montañas, fervenzas, prados…).
En definitiva, Galicia preséntase como vía de escape e de desconexión. O vídeo inicial da campaña transfórmase nunha viaxe musical que captura a esencia única de Galicia. Xa sexa explorar as súas praias, degustar as súas delicias culinarias ou somerxerse na súa rica tradición cultural, Galicia ofrece unha experiencia única a cada visitante.
En termos de audiencia, estímase que máis da metade da poboación española terá ocasión de ver os anuncios unha media de tres veces. A campaña tamén terá presenza internacional no eixo dixital. O obxectivo é afondar na consolidación do destino Galicia de xeito global, reforzando as accións dun turismo respectuoso, sostible, diversificado e desestacionalizado nos diferentes momentos do ano.